A APDR súmase á reivindicación veciñal de Vilaboa contra o uso de herbicidas na N554

Herbicida carretera-762027A Asociación Pola Defensa da Ría, integrante da Federación Ecoloxista Galega e da Plataforma contra as Fumigacións, participando da inquedanza de sectores produtivos (como a agricultura, gandaría, apicultura, …), ecoloxistas, veciñais, culturais, socias, sindicais e de consumo, ven alertando dos riscos que para a biodiversidade e para a saúde supón o uso xeneralizado de herbicidas e insecticidas. Nesta liña súmase tanto á veciñanza e a Asociación Veciñal de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa (1, 2, 3, 4) na denuncia do uso indiscriminado de herbicidas nas cunetas da estrada N-554 por parte de Fomento como a Vaipolorío na denuncia de fumigacións nas cunetas da estrada EP-002 (entre Vilaboa e Pontevedra) en ambos casos próximo a cultivos e hortas. Hoxe luns 27 de xullo, a APDR entrega aos concellos de Vilaboa, Pontevedra, Marín, Bueu, Moaña, Cangas e á propia Deputación de Pontevedra a proposta duns concellos libres de herbicidas e do insecticida Tau-fluvalinato para debater nos vindeiros plenos.

Sobre os herbicidas

Decenas de estudos científicos demostran os efectos tóxicos sobre a saúde e o medio ambiente dos herbicidas, entre os de máis ampla utilización na Galiza encóntrase o GLIFOSATO que foi declarado canceríxeno 2b pola Organización Mundial da Saúde en marzo de 2015. Nos últimos anos, e de xeito crecente, as empresas contratadas polas distintas administracións públicas (para o mantemento de lugares públicos como parques, xardíns, estradas, centros educativos e ata espazos naturais) xunto multitude de propietarios de fincas e montes, utilizan herbicidas como o Glifosato, este último, utilizado a cotio en amplas zonas forestais galegas xestionadas pola empresa ENCE. Ante a ameaza para a saúde pública, concellos galegos como Redondela, Ponteareas, Amoeiros ou Ames xa deron pasos para declararse libres de herbicidas.

Sobre o Tau-fluvalinato

Consentido cada ano en períodos determinados, cedendo aos intereses de ENCE na loita contra o goníptero do eucalipto, o Tau-fluvalinato é un insecticida inespecífico, biocida nocivo, irritante, bioacumulativo, altamente tóxico para a vida acuática, con interaccións tóxicas para as abellas descritas nalgúns estudos e publicacións e como un tóxico “moderado” para as abellas nalgunhas bases de datos internacionais. Convén salientar que si existen outros medios para controlar a praga do goníptero como son a loita biolóxica ou garantir a biodiversidade dos nosos montes evitando os monocultivos.

A moción que se presenta toma como referencia a Directiva marco para un uso sostible dos praguicidas e o Real Decreto 1311/2012 polo que se establece o marco de actuacións para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, normas que recomendan o uso doutros medios máis saudábeis para a eliminación da vexetación ou o goníptero que afecta aos eucaliptais. Neste sentido, as mocións instan ós plenos dos concellos e da Deputación a declararse libres do uso de herbicidas e do tau-fluvalinato, comezando por todo tipo de lugares públicos dos municipios, e a súa substitución por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio ambiente

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s