A Xunta dobrégase aos intereses de ELNOSA

Cando a finais de outubro do 2013 o daquela Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, e o Consejero delegado da empresa portuguesa CUF (propietaria de ELNOSA) asinaban un acordo no que se fixaba outubro do 2017 como a data definitiva para o cese da actividade produtiva da fábrica de cloro e sosa no complexo industrial de Lourizán, desde a APDR denunciamos que este acordo era papel mollado e supuña de feito unha burla para a cidadanía da comarca, dun xeito moi especial para aqueles sectores que viven da explotación dos recursos marisqueiros e pesqueiros.

Sabiamos que ese acordo non comprometía a nada aos directivos de ELNOSA e que, tarde ou cedo, a Xunta daría marcha atrás nas súas posicións deixando sen efecto mesmo o fixado na AAI que –non debemos esquecer- incorporaba os termos deste acordo e fixaba a saída da cloreira de Lourizán na data acordada. E, por suposto, nada se chegou a saber sobre o “plan de traslado” que recollería dous emprazamentos alternativos para continuar a produción de cloro cunha tecnoloxía máis respectuosa co medio ambiente, un compromiso adquirido por ELNOSA naquela data e que debería ser presentado nun prazo non superior aos dez meses.

E, pasados case dous anos, o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, vén de confirmar que todo canto nós diciamos era certo. Que ELNOSA poderá continuar en Lourizán de por vida si así o quixese! Onde quedou aquel pomposo “cese de maneira improrrogábel” do que tan orgulloso se sentía Agustín Hernández? No cesto dos papeis, como as condicións fixadas nas AAI inicialmente outorgadas a ENCE e a ELNOSA, ou como o cumprimento de tantos acordos asinados entre Xunta e ENCE-ELNOSA! Porque, como temos denunciado en tantas ocasións, estas empresas ditan a lexislación ambiental para a Ría de Pontevedra e a Xunta limítase a obedecer! Porque ELNOSA, para cumprir a Lei, tiña que ter presentado hai xa moito, o plan de modificación da produción á tecnoloxía de membrana, unha esixencia da Unión Europea que aínda hoxe non cumpre e que debería ser causa abondo para a nulidade da súa Autorización Ambiental Integrada.

Temos que recoñecer, iso si, que non lle falta razón ao Conselleiro Francisco Conde cando asegura que “ELNOSA está nunha situación moi similar á que se encontra ENCE”; en efecto, ambas as dúas empresas están no mesmo recinto industrial; tanto unha coma a outra teñen conseguido a AAI de forma irregular e mesmo ilegal; tanto unha coma a outra incumpren boa parte da lexislación en materia medio ambiental; e tanto na dirección dunha coma da outra, existen persoas que teñen relacións familiares cun alto cargo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, unha situación que –sen dúbida- resulta chave para que todas as irregularidades que aquí denunciamos se poidan seguir producindo con absoluta impunidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s