Científicos/as das 3 universidades certifican danos de Ferroatlántica a hábitats e especies protexidas no Xallas

Novo-Castrelo-3As obras das centrais hidroeléctricas de Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo promovidas por Ferroatlántica S.L. que se están a desenvolver na bacía do río Xallas, concellos de Dumbría e Mazaricos, están a afectar negativamente a especies protexidas (vulnerábeis e en perigo de extinción segundo o Catálogo galego de especies ameazadas), así como a hábitats de interese europeo e prioritario consonte a Directiva 92/43CEE.

Un informe asinado por 11 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas debruza os impactos das obras sobre a biodiversidade protexida, e serve de base á denuncia que ADEGA vén de presentar perante o Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Milleiros de metros cadrados de carballeira e bosque de ribeira (hábitats de interese europeo e prioritario) ao longo dun treito de máis de 2 km de río foron destruídos, incluída unha parte da Devesa de Anllares, o bosque atlántico máis occidental de Europa. Especies de flora ameazada asociadas a estes hábitats foron tamén eliminadas, incluindo o raro Isoetes fluitans, o fento de auga, endémico de Galiza e considerado en perigo de extinción.

Unha desfeita que en 14 anos ningunha administración se preocupou de evitar

A tramitacion destas obras comezou en 2000 cando Ferroatlántica presentou 3 novos proxectos de aproveitamentos hidroeléctricos para o Xallas, que unidos aos 4 xa esistentes en apenas 15 km de río, convirten a esta bacía fluvial na máis intensamente explotada de Galiza-Costa.

Como aconteceu con outros tantos proxectos hidroeléctricos e eólicos, o governo Fraga en funcións deulles o visto bo no verán de 2005. Malia á chegada do bipartito e á paralización de moitas minicentrais (Decreto 555/2005), os 3 novos aproveitamentos de Villar Mir no Xallas continúan a súa tramitación ao estaren outorgados con anterioridade, camuflados como modificacións das concesións existentes. As obras son autorizadas finalmente en 2007 cun prazo de 24 meses para a súa execución.

Ao caducar este prazo en 2009 sen que as obras estiveran executadas e xa con Feijóo na Xunta, ADEGA reclama a caducidade das concesións que a administración desoe. Polo que sabemos, Ferroatlántica pedíu unha prórroga para executar as obras e finalmente en febreiro de 2012 o Consello da Xunta aproba os proxectos sectoriais dos 3 encoros, cuxas obras comezaron en 2014 e teñen previsto rematar en 2016.

Estudos ambientais caducos, recurtes na Rede Natura, desprezo a alegacións e informes científicos…

Resulta sorprendente que ao longo dunha tramitación administrativa de máis de 14 anos, durante os cais os proxectos foron repetidamente modificados, non se revisara a avaliación dos impactos sobre os ecosistemas afectados á luz da lexislación e a información científica máis actualizada (Rede Natura, Catálogo Galego de Especies Ameazadas, novas normas de Avaliación Ambiental…). Mesmo esta zona do Xallas formou parte da proposta de ampliación da RN2000 presentada pola Xunta en 2008 e que Feijóo desbotou nada máis chegar á Xunta.

Non faltaron ocasións nas que ecoloxistas e investigadores/as advertimos á administración dos danos irreversíbeis que podían causar estas instalacións. Este comportamento inhibitorio -por non dicir desleixo- por salvagardar o interese que a conservación destes hábitats e especies ten para a cidadanía, derivou nun grave prexuízo ao noso patrimonio natural.

O que resulta inconcebíbel -ou non tanto- é que tendo a oportunidade de iniciar un procedimento de extinción das concesións por caducidade (dado o incumprimento dos prazos de execución fixados nas autorizacións dos proxectos construtivos) a Xunta non actuara de oficio, senón que ignorou as peticións de caducidade formuladas en base a dereito e autorizara a Villar-Mir executar as obras… 3 anos fóra de prazo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s