A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) vén de presentar RECURSO DE REPOSICIÓN diante da Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente contra a resolución de Costas que propón a caducidade parcial da concesión outorgada a ENCE en xuño de 1958.
No seu recurso, a APDR solicita como primeira medida, que se declare a nulidade das actuacións e que se dite unha nova resolución na que se dea cumprida resposta ás súas alegacións. Basea a súa petición no feito probado de que –contrariamente ao manifestado polo Ministerio- as alegacións da asociación entraron en prazo no rexistro da Subdelegación do Goberno. E é sabido que para para garantir a congruencia dunha resolución é necesario dar resposta a todos os motivos invocados polas partes interesadas.
Reafírmase a APDR na totalidade das alegacións presentadas con anterioridade e esixe que, de non se aceptar a nulidade, se declare a caducidade da concesión polos incumprimentos denunciados nos distintos escritos de alegacións e, en consecuencia, o cese da actividade e reposición dos terreos á situación na que se atopaban con anterioridade á concesión.
E fai fincapé de forma moi particular a APDR nos incumprimentos do título concesional no que ás esixencias medio ambientais se refire, recollidas na condición 8ª do título e que ENCE veu incumprindo ao longo dos 50 anos de permanencia en Lourizán. Ademais das molestias á veciñanza, os cheiros e fumes e a contaminación das augas da Ría e o dano aos recursos marisqueiros, que foron evidentes todos estes anos (e así quedou probado na condena da Audiencia Provincial de Pontevedra no ano 2002), ENCE superou –e sigue superando- a taxa de 20 ppm de DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) fixada no título da concesión; e todas estes incumprimentos son razóns para decretar a súa caducidade.
Quere deixar claro a APDR que o que está en litixio neste caso é se ENCE cumpre ou non as condicións ambientais fixadas no título concesional, un título que non se ten modificado e que ENCE tiña a obriga de cumprir en todo momento para non perder a concesión. Neste sentido, non se pode escudar o Ministerio –como fai na resolución agora recorrida- en que ENCE ten en vigor a AAI nin nun suposto control ambiental dos seus vertidos e emisións atmosféricas por parte da Xunta de Galicia. Con independencia de que ENCE cumpra as esixencias da AAI ou os límites establecidos na lexislación para os distintos parámetros ambientais, o incumprimento dalgunha das condicións fixadas no título da concesión supón a súa inmediata caducidade.
Xa por último, indicar que o Ministerio non pode tramitar ningunha prórroga a ENCE en tanto non se teña resolto este litixio pola caducidade da concesión. Así o expresa con claridade o Regulamento Xeral de Costas: “Las prórrogas solicitadas se otorgarán siempre que no se aprecien causas de caducidad del título vigente o se esté tramitando un procedimiento de caducidad del título concesional, en cuyo caso el procedimiento de prórroga se dejaría en suspenso”
O Ministerio debe proceder –e debe facer pública esta decisión- a deixar en suspenso calquera posíbel procedemento de prórroga da concesión a ENCE, unha esixencia que formulamos desde a APDR ao través deste recurso. Calquera outra decisión suporía unha evidente conivencia coa empresa e un claro incumprimento das obrigas.