Unha tonelada e media de unlla de gato retirada en Sálvora

IMG_7574

O pasado fin de semana 12 persoas voluntarias participaron na xornada organizada pola asociación ecoloxista ADEGA na illa de Sálvora para a loita contra as especies invasoras. A actuación enmárcase no proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad.

A actividade comezou o venres á tarde, o grupo de voluntariado deuse cita no peirao de Aguiño dende onde os levaron ata a illa de Sálvora. Ían cargados con todas as provisións para o fin de semana. Desembarcaron na illa recibidos polo vixiante que os levou ata o pazo onde se aloxarían durante a súa estancia. O pazo rehabilitado conta con 4 habitacións e servizos básicos para os voluntarios. Unha cociña e unha sala de reunións.

A primeira actividade foi unha charla formativa na que o grupo participante recibiu información sobre as especies exóticas invasoras. Falouse sobre a importancia desta ameaza á biodiversidade, e a súa especial gravidade nos ecosistemas insulares. A seguir a sesión formativa centrouse na percepción da sociedade nas especies invasoras e a necesidade de espazos de participación social para loitar contra esta ameaza ambiental. Por último amosáronse os lugares, as especies obxectivo e tarefas a realizar na fin de semana.

O sábado tralo almorzo os participantes recolleron a ferramenta e desprazáronse a traballar en varias manchas da especie Carpobrotus edulis, coñecida como unlla de gato, ao redor do Pazo. Alí traballouse a maior parte da mañá, retirando un total de 60 sacos que pouco a pouco se foron trasladando á área de compostaxe da illa. O traballo non rematou alí, antes de comer o grupo desprazouse ata a zona do faro onde existe unha gran mancha de esta especie, alí retiráronse 40 sacos máis que de novo se levaron a compostar. En total 100 sacos que sumaban unha tonelada e media desta especie invasiva.

Pola tarde realizouse un roteiro recorrendo diferentes charcas temporais, construídas no 2014 noutro campo de voluntariado de ADEGA, dentro do proxecto Charcas con vida. Ademáis aproveitouse para colocar un panel interpretativo sobre os anfibios da illa, e retirar outras especies invasoras como a cala ou cartucho (Zantedeschia aethiopica), a tintureira (Phytolacca americana) ou Mirabilis jalapa.

As especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade, despois da destrución do hábitat. Porén, nos ecosistemas insulares son a primeira causa de extinción de especies, de ahí a importancia de eliminar estas especies nas illas, sobre todo cando forman parte do noso Parque Nacional.

O domingo a actividade matinal centrouse nunha posta en común das actividades onde o grupo de voluntariado resumiu os traballos realizados o día anterior. Tamén se propuxeron varias medidas de mellora para próximas actuacións de conservación.

A estancia na illa tamén deu tempo para gozar das súas marabillosas vistas e sendeiros. Antes do xantar o fareiro Pepe, fixo unha visita as instalacións desta fermosa e útil construción que deixou encantados aos voluntarios e voluntarias. Realizáronse avistamentos de aves, identificación de flora invasora ou paseos nocturnos. Estas accións permiten achegar á cidadanía aos espazos naturais de Galicia.

Son poucos os lugares e espazos onde o voluntariado ambiental pode participar para achegar o seu traballo e axudar na conservación de especies e de espazos. Con estas actividades o Parque Nacional faise máis visible a accesible, ademais de facilitar ás persoas interesadas a formación, apoio e ferramentas precisas para axudar na conservación do patrimonio de todas e de todos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s