Edgewater manobra cara aos seus investidores ao fracasar o seu proxecto e o Goberno Español recorre un artigo da lei da minaría de Galicia aprobado polo Partido Popular

1365709036_806423_1365709163_noticia_normalEn relación coa comunicación de Edgewater Exploration do 21 de outubro “Edgewater Responds to Galician Government Statements Concerning its Mining Concessions at the Corcoesto Gold Project, Spain“, relativa ás actuacións xudiciais pola Resolución de caducidade das Concesións de Corcoesto, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, quere salientar:

1.- Que a Comisión Europea ao través da Comisaria C. Malmstron, a unha pregunta da eurodeputada Lidia Senra Rodríguez (GUE/NGL) realizada en outubro, respondeu en decembro de 2014 o seguinte (resposta traducida ao galego):

“Ningunha empresa canadense pode actualmente invocar o Acordo Económico e Comercial Global (AECG) con Canadá para impugnar unha decisión referente ao seu investimento, nin presentar reclamacións por danos patrimoniais, dado que este acordo non está en vigor. O AECG entrará en vigor unha vez finalicen os respectivos procedementos de aprobación por parte de Canadá e da UE. No caso da UE, requiren a aprobación do Consello e do Parlamento Europeo.

En calquera caso, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito a lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos.”

2.- Que un recurso de Edgewater contra a resolución que se ditou ao amparo da modificación da lei de minería de Galicia, que introduciu a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non se aprobe, non prosperaría. A resolución da Xunta é conforme a dereito.

O comunicado de Edgewater semella ser unha manobra cara aos seus investidores que, baseándose en información nesgada ofrecida pola empresa, esperaban obter un gran lucro e agora atópanse con que as súas accións non valen nada.

Chama moito a atención que Edgewater e Mineira de Corcoesto S.L. non puidesen cumprimentar os requisitos de solvencia esixidos pola Xunta de Galicia, e que agora aparentemente teñan fondos para contratar unha firma de avogacía de ámbito internacional, para facer unha reclamación de indemnización de tan elevada contía. Tamén queremos sinalar que a sociedade Corcoesto, S.A., á que fai referencia o comunicado de Edgewater, foi constituída en Panamá o 21 de agosto de 2014.

No que se refire ao recurso de inconstitucionalidade 5458/2015, promovido polo presidente do Goberno de España contra os artigos 5.dous e 84 da Lei de Galicia 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, admitido a trámite o pasado 6 de outubro (DOG 14 outubro 2015), a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños quere apuntar o seguinte:

1.- Quén está realmente detrás do recurso? Non esquezamos que os lobbys empresariais teñen os seus tentáculos esparexidos por todas as partes, incluído o lobby mineiro.

2.- Desde o punto de vista administrativo e político, a interposición do recurso de inconstitucionalidade xera bastantes interrogantes.

3.- Aínda que o recurso prosperase (cabe entender que a súa resolución non se producirá antes das próximas eleccións xerais), hai que lembrar a situación das Concesións de Corcoesto, xa que cos datos do Censo Mineiro, a concesión Emilita estaría caducada e as outras dúas (Ciudad de Landró e Ciudad de Masma), caducarían no vindeiro 2016. En consecuencia, a eventual inconstitucionalidade do artigo 84, non tería consecuencias prácticas para Edgewater, que vería como se queda igualmente sen concesións polo simple paso do tempo.

Por último, queremos lembrar que a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños segue vixiando os movementos de todos os participantes no Proxecto de Corcoesto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s