No decurso da mañá do pasado día 4 de novembro membros da APDR e da Confraría de Lourizán puideron observar a presenza dun chamativo vertido negro sobre a area da praia de Lourizán, un vertido que semella ser gasoil ou algún outro derivado do petróleo.
Inmediatamente foron chamados os servizos da Garda Civil que, no momento de redactar a nota, descoñecemos se fixeron acto de presenza nin se levantaron o correspondente parte de denuncia.
Á espera de que se poidan determinar as causas de tal vertido, a hipótese barallada no lugar dos feitos era que –en función das condicións ambientais e do vento dominante no momento en que se observou o vertido- semella probábel que o gasoil proceda do veciño estaleiro dos Praceres.
Desde a APDR queremos denunciar que este tipo de situacións se poidan producir nunha zona que ten clara vocación marisqueira e/ou turística; esiximos que se clarifique este feito que constitúe causa de denuncia por delito ecolóxico, que se determinen os responsábeis, se apliquen as correspondentes sancións e se tomen as medidas necesarias para evitar que novos casos de vertido se volvan a producir.
Non se debe esquecer que esta zona está sendo sistematicamente castigada pola presenza de vertidos procedentes da depuradora de Os Praceres e do complexo industrial de Lourizán, dúas instalacións postas en cuestión no que á súa concesión se refire e pola incompatibilidade co importante banco marisqueiro da zona.