A destrución do Castro da Croa comeza a ter consecuencias. A documentación facilitada recentemente pola Valedora do Pobo ao Grupo Ecoloxista ADENCO sobre as actuacións realizadas por Patrimonio no tocante á afección ao ben patrimonial pola construción da senda do Tea informa sobre a apertura de dous expedientes sancionadores, ao Concello de Ponteareas e á Comunidade de Montes de Ribadetea, por estimarse correctamente xustificada a comisión dunha falla contra o patrimonio cultural no xacemento castro da Croa.
No seu escrito a Valedora do Pobo agradece o traballo da Asociación Ecoloxista e lamenta o longo período de tempo que ten transcorrido desde a denuncia de ADENCO e a desidia de determinadas administracións cara a protección do patrimonio cultural galego e, nomeadamente, do patrimonio arqueolóxico.
Efectivamente, o proceso está a ser longo. Desde o momento da destrución de parte do castro da Croa, a finais do ano 2013, ADENCO ten denunciado estas actuacións e realizado diferentes iniciativas para por en coñecemento das autoridades competentes as afeccións que ten padecido o elemento patrimonial, concretamente a destrución de parte dun parapeto defensivo e a retirada de xabre e terra con palas e outra maquinaria pesada dentro da área de protección integral.
Cómpre lembrar que o castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na parroquia de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e fosos cos que conta o que o converten nun elemento singular que pode servir para dinamizar economicamente a contorna.
ADENCO continuará reclamando a actuación da administración competente e a asunción de responsabilidades pola destrución de parte do singular sistema defensivo do xacemento e a retirada de importantes cantidades de terra do recinto castrexo do castro da Croa a partir das obras de realización da denominada senda do río Tea.