O Grupo Ecoloxista ADENCO ten presentado por rexistro nos concellos da Comarca do Condado mocións nas que se lles solicita ao Plenos do Concellos da Comarca a adopción de varios acordos relacionados co uso de herbicidas e co maltrato animal.
No tocante aos herbicidas na proposta, solicítase prohibir o uso dos herbicidas en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio ambiente. Este acordo será trasladado ás distintas Administracións que ostentan competencias en materia de conservación en estradas que se atopan nos termos municipais. A moción sobre os herbicidas non foi presentada no concello de Ponteareas que, a petición de ADENCO, xa ten realizado un acordo similar previamente.
Mocións contra o maltrato animal
No tocante ao maltrato animal a moción presentada polo Grupo Ecoloxista ADENCO solicita a todos os concellos da Comarca do Condado que prohiban a utilización de animais salvaxes ou en catividade en espectáculos, filmacións, actividades publicitarias, actividades culturais ou relixiosas e calquera outra actividade sempre que lles poida ocasionar dano ou sufrimento, ou ben degradación, parodias, burlas, tratamentos antinaturais ou estrés, ou que poida ferir a sensibilidade das persoas que os contemplan.