A acuicultura industrial en Galiza: crónica do idilio entre a Xunta e a patronal do peixe de granxa

A Lei de Acuicultura do PP é o último episodio dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola. Normas a medida, subvencións a eito, retiro dourado de polític@s… Eis a historia dunha relación na que rías e litoral son secundarios.

A patronal acuícola propón, o governo de turno dispón

rodpirataDende a aprobación en 2005 polo governo Fraga en funcións do PSPTA (Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria) de López Veiga, posteriormente substituido polo Plano de Acuicultura do bipartito (2008) e o Plano Director da Acuicultura Litoral (PP, 2013) a regulamentación acuicultura en Galiza, particularmente da acuicultura industrial pasou por non poucas vicisitudes administrativas.

Este feito, unido a varias sentenzas xudiciais determinantes para a planificación normativa desta actividade (Touriñán, Rinlo, Laxe Brava), redundou nunha case permanente inseguridade xurídica que pouco beneficiou ao sector durante estes anos.

Se ben o Plano Acuícola (2008) aprobado durante o governo do PSdG-PSOE e BNG limitaba o desenvolvemento da acuicultura industrial a espazos fóra da Rede Natura 2000 (aínda que con localizacións en zonas de alto impacto e cunha proposta de ampliación da RN2000 feita a medida da patronal acuícola), a aposta polo modelo de negocio de Stolt e Pescanova, con grandes instalacións industriais de cría e engorde de peixes planos, seguía a ser o denominador común coa planificación da acuicultura da era Fraga.

Coa volta do PP á Xunta en 2009, os governos de Feijóo retomaron a planificación acuícola dando nun primeiro momento por bo o Plano de Acuicultura do bipartito, mais someténdoo a unhas poucas e significativas modificacións. A principal delas referíase á propiedade da terra: de concesión administrativa na norma do bipartito, a propiedade das empresas por adquisición ou previa expropiación na modificación introducida do PP.

A partires de entón, o PP manobrou para remover calquera atranco legal que puidera dificultar o negocio da patronal acuícola, malia que o sector –nomeadamente a acuicultura industrial en terra- comezaba a dar signos de inestabilidade (baixada de prezos, diminución da produtividade, importacións foráneas). Pouco despois estouparía o caso Pescanova, que case levou á creba á principal empresa do sector.

Diante deste panorama, a intención da nova Lei de Acuicultura recentemente apresentada pola Xunta é clarificar as regras de xogo, isto é, rematar de despexar calquera atranco para que, pola vía da transformación do marisqueo en acuicultura, as multinacionais acuícolas teñan o camiño legal expedito para ocupar sen problemas a nosa costa e as nosas rías.

Crónica do demoucado legal durante a era Feijóo

-En abril de 2010 o PP modificou ad hoc a Lei do Solo 9/2002 para facilitar as instalacións das macropiscifatorías en solo rústico de especial protección, mesmo sobre espazos protexidos.

-En 2010 o PP eliminou a necesidade de que os planos sectoriais xa en marcha (caso do acuícola ou o eólico) tiveran que adatarse ao Plano do Litoral (POL). O propio POL, aprobado definitivamente en febreiro de 2012, autorizaba actividades acuícolas mesmo nas zonas de máxima protección caso de contaren cunha avaliación ambiental favorábel (requisito este só aplicábel ás plantas de máis de 500 toneladas de produción anual).

-En decembro 2011 o PP, através da “lei de acompañamento” dos orzamentos de 2012 suprimíu tramitación ambiental obrigatoria dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que afectaran a un só concello, para facela discrecional (caso da planta de Touriñán ou do convenio urbanístico de Barreiros, ambos os dous anulados polo TSXG tras as denuncias de ADEGA).

-Tamén en 2011 o Consello da Xunta declarou a acuicultura como de “interese público de primeira orde para permitir ás empresas acuícolas ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios (Touriñán, Rinlo…), e deste xeito tentar pontear burdamente o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE: Art. 6.4 da Directiva 92/43 CEE: […] No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

-En marzo de 2012, as consellarías de Medio Ambiente e Mar aproban una Orde conxunta pola que se consideran aptas para a acuicultura as zonas continuas litorais situadas nos ámbitos de “mellora ambiental e paisaxística” do POL así como as Reservas da Biosfera, sen agardar á aprobación definitiva do PDAL (Plano Director de Acuicultura Litoral), daquela en tramitación.

-En febreiro de 2013 a Xunta do PP aproba o Plano Director de Acuicultura Litoral (PDAL). Toda a costa é susceptíbel de albergar piscifatorías: non hai zonas de exclusión. A planificación resposta únicamente ás necesidades da industria e non ás características e valores do medio receptor. Sen zonas de exclusión, sen medidas para reducir impactos sobre o territorio e os recursos naturais máis aló das cosméticas (camuflaxe paisaxística das piscifatorías) e sen informe de viabilidade económica nen orzamento… Atende únicamente ás necesidades da industria, principalmente da patronal do peixe plano, nucleada arredor de dúas grandes transnacionais (Stolt Sea Farm, agora Stolt-Nielsen e Pescanova), e non ás características e valores do medio receptor. Tendo en conta ademais que “a propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” fica definitivamente claro o papel da Xunta con este PDAL: ser o brazo executor da patronal acuícola eliminando molestos atrancos ambientais e sociais.

-En 2014 o PP aproba definitiamente o Plano Director da RN2000 e consolida unha Rede Natura a medida dos intereses acuícolas (e eólicos, mineiros, etc.) con inxustificadas ausenzas e “ocos” á medida (como o da Laxe Brava e Foxo Longo para as piscifatorías en Corrubedo e Ribadeo-As Catedrais, respeitivamente). O Plano Director abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir construir piscifatorías (e incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade até 50%), nas zonas de máxima protección ambiental.

Principais eivas ambientais da Lei de Acuicultura

-Unha norma desenfocada xa dende a mesma exposición de motivos: A Xunta refírese ás directrices da FAO para xustificar unha intensivización da acuicultura en Galiza,
Porén, a Xunta esquece que a propia FAO, no documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” (FAO Documento Técnico de Pesca, N° 328. Roma, FAO. 1994), sinala os 10 principios para o ordenamento sustentábel na acuicultura costeira:

  • Consultar coa poboación local e todos os participantes.
  • Planificar a pequena escala, proxectos flexíbeis.
  • Deixar que a xente tome as decisións.
  • As solucións deben axustarse estrictamente ás necesidades locais.
  • Proporcionar a formación, especialmente para mozos/as e mulleres.
  • Manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia. As axudas, suplementos e tecnoloxías inapropiadas non son sustentábeis.
  • Edificar sobre o que a xente está facendo ben. Adoptaranse novas ideas só se non son contrarias á práctica local.
  • Avaliar os impactos: deberianse examinar os aspectos económicos, sociais, culturais e ambientais.
  • Considerar insumos e resultados. Os proyectos non poden estar enfocados a un único resultado, como a produtividade.
  • Manter ou mellorar o nivel de vida dos participantes.

Porén, este anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza está deseñado para favorecer acuicultura industrial dominada actualmente por dúas multinacionais, Pescanova e Stolt-Nielsen. Pretende xustificar o desenvolvemento de grandes instalacións e macropolígonos; obviar a poboación local e a realidade socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de baixura; adicar cuantiosas subvencións públicas ao sector da acuicultura industrial; e planificar exclusivamente co obxecto de que as empresas incrementen a produción de peixes de granxa, obxectivos que contradín frontalmente as recomendacións da FAO.

-Actuacións es espazos naturais protexidos (Art. 11): A autorización de instalacións acuícolas nestes espazos emítea Mar, co informe preceitivo de medio ambiente. Porén, calquera actuación ou planificación nun espazo da RGEP debe estar sometida ao disposto no correspondente plano de xestión/conservación cuxas determinacións prevalecen sobre calisquera outra regulamentación. Coa actual redacción da Lei subvírtese este mandado e podería darse o caso que unha instalación informada negativamente por Medio Ambiente, ao abeiro das determinacións que rexen o espazo protexido en cuestión, sexa autorizada por Mar.

-Introdución de espacies exóticas e invasoras (Art. 19): Permítese o seu cultivo coa actual redacción da Lei, correndo o risco de que individuos ou larvas destas especies sexan diseminados no medio acuático perxudicando á biodiversidade e aos recursos autóctonos. Non se fai referenza alguna á prohibición do cultivo organismos xeneticamente modificados, polo que implícitamente enténdese que a lei permite a súa cría.

-Principios xerais da planificación acuícola (Art. 20):
A sustentabilidade ambiental dos aproveitamentos acuícolas está ausente.

-Localización da actividade acuícola (Art. 29.1): Non existen zonas de exclusión. Toda a costa é susceptíbel de ser considerada apta para a actividade acuícola. Promóvese a intensivización dos aproveitamentos mediante acumulación das instalacións en polígonos sen avaliar previamente a capacidade de carga dos ecosistemas nos que se van implantar.  

-Avaliación ambiental dos polígonos de acuicultura (Art. 29.4 e 5): As instalacións que acollería cada polígono estarían exentas de avaliación ambiental se xa fora emitida esta para o conxunto do polígono, independentemente das afeccións concretas que cada unha das plantas, de moi diferente natureza (sistema de cultivo, ocupación, proceso produtivo…) poidan ter sobre o medio e os recursos naturais.

-Zonas de interese preferente para a acuicultura (Art. 30): O borrador da lei non fixa cais son as condicións e o procedemento para declarar estas zonas, mais os criterios para facelo erán exclusivamente de “promoción do desenvolvemento económico” e de “fomento do emprego” estando os ambientais completamente ausentes.

-Permisos e títulos habilitantes (Art. 31.3 e 5): Nas instalacións que ocupen dominio público só se pedirá informe a costas sobre a área concreta que ocupen as tubaxes, non sobre os demais impactos do conxunto das actividades acuícolas sobre o dominio público. No outorgamento de permisos de carácter experimental non están contempladas excepcións: como especies exóticas invasoras ou transxénicas.

-Transformación do marisqueo en acuicultura (Art. 54): Mediante esta medida promóvese a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial (ver Arts. 72 -uso de maquinaria- e 73 –modificacións do substrato-).6+

Obxectivos de ordenamento do sector (Art. 75): Ausentes os referidos á sustentabilidade ambiental do sector acuícola.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s