A Unión Europea responsabiliza ao estado español pola contaminanción da ría de Pontevedra

Tal como recolle a Sentenza ditada pola sala sexta do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que ratifica a denuncia interposta no ano 2014 pola Comisión Europea contra o Estado español polo tratamento desaxeitado das augas residuais vertidas na Ría de Pontevedra, o Reino de España ten incumprido a Directiva 91/271/CEE que obriga a garantir o tratamento rigoroso das augas da nosa Ría declarada como zona sensíbel. Esta denuncia, que ten a súa orixe na queixa interposta pola APDR no ano 1999, foi sistematicamente boicoteada e retrasada desde a Xunta de Galicia e inclúe os vertidos da empresa ENCE á que –de acordo coa citada Directiva- hai que considerar coma unha aglomeración de máis de 10.000 equivalente-habitante na nosa Ría.

Neste sentido, desde a APDR queremos insistir nalgúns aspectos que deben quedar claros para coñecer o verdadeiro alcance desta resolución e que foron ratificados pola Comisión Europea de Medio Ambiente na nosa recente visita a Bruxelas:

1º.- Cando se fala de augas residuais urbanas, estase a falar das augas de orixe doméstica pero tamén daquelas industriais que saen ao medio mesturadas con augas de tal consideración (é o caso dos vertidos de ENCE que chegan á Ría xunto cos vertidos domésticos de Pontevedra, Poio e Marín). E así o recolle o Tribunal de Xustiza da U.E. na parte correspondente ao “Marco xurídico” da sentenza.

2º.- A contaminación orgánica e microbiolóxica (bacterias coliformes) das augas da nosa Ría ten a súa orixe tanto na falta de depuración das augas de vertido de orixe doméstica coma das procedentes da empresa ENCE. Neste sentido, e tal como vimos esixindo desde a APDR, na AAI da citada empresa deberían contemplarse as esixencias de vertido no que a coliformes fecais e totais se refire.

3º.- O saneamento da Ría de Pontevedra e, xa que logo, a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos, non vai ser posíbel en tanto non se eliminen os vertidos ilegais, se depuren de forma correcta a totalidade das augas residuais domésticas, e se elimine o vertido do complexo ENCE-ELNOSA.

4º.- O goberno español, lonxe de acometer a resolución deste problema, agrávao ao conceder de forma inxustificada e cunha falta absoluta de ética, unha prórroga de 60 anos a ENCE, unha situación que impedirá o verdadeiro saneamento integral da nosa Ría.

apdr

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s