O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de recibir comunicación do Servizo de Conservación da Natureza dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia na que se recoñece o que o colectivo leva defendendo desde hai anos, antes de porse en marcha a construción dun paseo devastador nas beiras do río Tea: a infraestrutura ten que retirarse polo seu impacto no espazo protexido.
Na comunicación recibida hai unha semana, a Xunta constata, tras repetidas visitas que as enchentas, como sempre denunciou este Grupo Ecoloxista, tiveron e terán un impacto inasumible no espazo. Así, constatouse que existen varios puntos do río no que o xabre desprazouse ata o cauce, que o entarimado construído foi levantado e arrastrado río abaixo e que varias pasarelas foron arrastradas ou desprazadas.
Adenco comunicou a comezos de ano a todas as administracións implicadas que seguir invertindo nesta infraestrutura é un despilfarro de recursos públicos e un ataque ao espazo natural, polo que se solicitaba a recuperación do espazo, retirando a infraestrutura e devolvendo ás beiras do Tea ao seu estado anterior. E agora a Xunta dános a razón.
As conclusións da Xunta de Galicia
No informe, asinado polo Xefe de Servizo da Conservación da Natureza, da delegación provincial da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e polo Delegado Territorial, recóllense as seguintes conclusións, literalmente:
“É necesario actuar en todo o percorrido das sendas e en particular considérase a restauración de determinadas zonas, volvendo a un sendeiro natural con retirada da senda construída e a retirada do xabre existente entre a senda e o río para evitar novos aportes ao río”
Con estas conclusións, espérase a denegación de calquera permiso para realizar novas infraestruturas, neste espazo natural, que inclúe os ríos Tea e Uma, dentro do LIC Río Tea, incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea.