Planta química no Macizo Central: á caza de subvencións de administracións incautas

Viana-ParatermoADEGA vén de apresentar alegacións a outro delirante proxecto que, mediante a instalación dun polo químico en pleno Macizo Central, pretende transformar para sempre a vida no despoboado rural ourensán, traendo ducias de postos de traballo, etc. etc.

Trátase de gasificar carbón para obter metanol (un alcol) e hidróxeno (un gas), ambos combustíbeis. O proceso é fortemente endotérmico precisando grande cantidade de enerxía obtida mediante captadores solares. Ten tamén un elevado consumo de auga (preto de 40.000 m3/ano) que bombearán do río Camba. Cómpre ter en conta que o transporte do carbón dende as bacías mineiras de Asturias e León, a centos de quilometros, xerará importantes emisións de gases de efeito invernadoiro, alén dos derivados do proceso químico de gasificación.

Chama temén a atención o feito de que esta actividade pretenda ubicarse sobre chan rústico nun espazo fóra das diversas superficies industriais da provincia de Ourense, moitas delas infrautilizadas, e afastada das principais vías de comunicación  precisas para o transporte da materia prima (unas 100.000 Tm/ano de carbón) e a distribución dos produtos (75.000 Tm/ano de metanol) e subprodutos (375 Tm/ano de H2).

A empresa promotora, Paratermo Energía, SL, non conta tampouco con financiamento para facer fronte aos investimentos requeridos polo proxecto, uns 54 millóns de €, pretendendo sufragar a maioría dos custos mediante cretos (35 M€) e subvencións e axudas públicas (2,8 M€), así como co propio capital social, malia a que este é só de 3000€, tal como recolle o Rexistro Mercantil. Considerando a implicación dos promotores en iniciativas similares (Granadilla de Abona, 2009; Tabernas, 2012) todas rexeitadas polas administracións, semella evidente que a viabilidade económica do proxecto está directamente condicionada á obtención de financiamento privado (banca e/ou investidores) así como de axudas públicas. Podemos supoñer xa que logo, con pouca incerteza, que é este o principal obxecto do negocio.

Forte impacto no medio e ameaza para a aguia real

Malia a que o proxecto non ocupa en superficie ningún espazo protexido (sitúase a poucos centos de metros do LIC Macizo Central e do Río Camba, proposto pola Xunta para integrar a RN2000 en 2011), as afeccións das actividades descritas incidirán negativamente sobre a paisaxe, os hábitats e as especies.

Polo que atinxe á paisaxe, a esplanación de preto de 200 hectáreas de chan rústico nun espazo de alta calidade visual resulta manifestamente incompatíbel coas determinacións da Lei 7/2008 de proteción da paisaxe de Galiza.

Polo que atinxe aos hábitats, o proxecto implica a eliminación ou alteración dunha ampla área con presenza do hábitat de interese comunitario 4030, “Queirogais secos europeos”, e dun hábitat de conservación prioritario, os “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor, código 91E0*, na zona do val do río Camba. Neste senso, o promotor non pode invocar as excepcións do artigo 6 da Directiva 92/43 CEE de Hábitats, relativa ás actuacións sobre hábitats prioritarios, por canto a actividade que promove non pode ser considerada “de interese pública de primeira orde” e ademáis podería desenvolverse noutras localizacións máis acaídas.

Especial consideración merece a aguia real (Aquila chrysaetos) especie en perigo de extinción que nas proximidades da futura planta industrial, conta cunha das escasas parellas reprodutoras de Galiza (ver fotos tiradas in situ, creto: Ramsés Péres). Trátase dunha área crítica de nidificación no territorio do Macizo Central Ourensán, segundo o recollido no Plano de Recuperación da especie para Galiza (TAPIA & GIL, 2009).

A aguia real é unha especie moi sensible ás molestias de orixe antrópica durante o período reprodutivo especialmente no período de selección de cantil de nidificación e fases de incubación. As perturbacións humanas nas inmediacións dos niños poden provocar o abandono e o desprazamento das aguias a zonas menos óptimas para cazar. A este respeito, unha planta química a escasos metros dunha área crítica de nidificación tería efectos negativos sobre o éxito reprodutivo da especie.

ADEGA reclama da Xunta a denegación da AAI (Autorización Ambiental Integrada) para esta actividade, alertando ás administracións implicadas que non se deixen embaucar por estes “proxectos miragre” e rexeiten adicar un só euro público a “negocios” coma este.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s