A APDR valora positivamente a decisión do Congreso de revogar a prórroga de ENCE

A decisión adoptada pola Comisión de Agricultura e Medio Ambiente do Congreso o pasado día 6 de abril, pola que se insta ao Goberno a anular a prórroga concedida a ENCE, resposta á posición da maioría social na comarca pontevedresa; pero, ademais, ten moito que ver coa magnitude da mobilización social expresada o día 29 de xaneiro na nosa vila e coa política de sensibilización desenvolvida ao longo dos anos desde a Asociación pola Defensa da Ría e outros colectivos sociais que vimos loitando pola desaparición do complexo ENCE-ELNOSA do seu actual emprazamento, un traballo que nos permitiu manter permanentes contactos coas forzas progresistas que nesta ocasión teñen presentado a antedita iniciativa. Neste sentido, non é casual a presenza dun membro da Xunta Direitiva da APDR no Congreso no acto de presentación da iniciativa aos medios de comunicación.

Sen dúbida, a decisión adoptada na Comisión do Congreso ten unha importancia elevada desde o punto de vista social, xa que deixa ver o compromiso das forzas progresistas do Congreso para restituír os dereitos da cidadanía da nosa comarca, o dereito ao seu futuro, á calidade de vida e á recuperación da Ría para o traballo dos sectores marisqueiro, da pesca e do turismo. Un futuro que pasa tamén pola recuperación do monte para a súa explotación diversificada. Porén, poida que o seu percorrido sexa curto. En efecto, e aínda no máis que probábel caso de que sexa ratificada polo pleno do Congreso (hai que ter en conta que o único partido que votou en contra foi o PP), a posta en práctica desta medida –que debera levar aparellada a derrogación da nova Lei de Costas- vai depender moito da sensibilidade que o novo goberno teña verbo da problemática ambiental e da defensa dos dereitos da maioría da poboación da comarca. Debemos ter claro, xa que logo, que vai ser necesario pelexar para conseguir que non haxa marcha atrás nesta decisión parlamentar, unha loita que ten que ter o seu principal eixo na mobilización social.

Desde a APDR esiximos o compromiso firme ás forzas progresistas no Congreso para que a revogación desta prórroga de 60 anos a ENCE sexa pronto unha realidade e que esixan o fin da actividade industrial da fábrica de pasta de papel -e da electroquímica ELNOSA- na Ría de Pontevedra; e, ao tempo, chamamos á cidadanía da comarca a seguir mobilizándose a prol do saneamento e recuperación da Ría e pola eliminación definitiva do complexo ENCE-ELNOSA de Lourizán, pois só coa forza da mobilización seremos quen de impedir que se produza definitivamente a aldraxe perpetrada desde o goberno en funcións do PP ao conceder -de forma inxusta e inxustificábel- unha nova concesión á fábrica de ENCE.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s