O Grupo Ecoloxista ADENCO denunciou na Garda Civil de Ponteareas o pasado 8 de marzo as obras que se estaban a realizar, con maquinaria pesada, na beira dereita do río Tea, nas inmediacións do xacemento arqueolóxico do Castro da Croa. No lugar había varias persoas, con maquinaria pesada, como se pode ver nas fotos, realizando traballos que se descoñecen, pois non había ningún tipo de cartelería no lugar.
A denuncia tramitouse no posto da garda civil, onde se tomou declaración, o día 21 de marzo, ao responsable da empresa que estaba a realizar os traballos. No atestado recóllense as súas manifestacións, pero non se achega ningún tipo de documentación e a continuación remitiuse o atestado ao xulgado decano de Ponteareas.
Agora, o Xulgado vén de comunicarlle ao Grupo Ecoloxista Adenco que lle dan traslado do actuado, do auto de incoación e do atestado, á fiscalía, para que determine que accións tomar. Ao mesmo tempo, os ecoloxistas estudan que accións legais levar a cabo, despois de que a través da prensa coñecesen, aínda en contra do manifestado pola Xunta de Galicia, a intención do Concello de Ponteareas de realizar unha nova infraestrutura no espazo protexido, neste caso “pouco agresiva”, segundo o indicado pola propia administración.
Novo paseo fluvial
Adenco vén de solicitarlle ao Concello de Ponteareas copia de todo o que conste sobre o novo proxecto que se pretende levar a cabo , co seu novo trazado, para coñecer o seu impacto. Ademais, recórdanlle á administración local que se é un novo proxecto é preciso iniciar un novo procedemento administrativo, cunha exposición e consulta pública, na que os ecoloxistas esixirán o sometemento do proxecto a un estudo de impacto ambiental, tendo en conta os efectos sinérxicos coas outras construccións realizadas no espazo protexido LIC Río Tea, dentro da Rede Natura 2000. Por último, Adenco tamén quere coñecer o custo do proxecto e de onde proveñen os fondos para executalo, ao tempo de se se contemplan partidas económicas en anos sucesivos para o seu mantemento.