36.000 toneladas de pneumáticos galegos teñen como destino o esquecemento ou a incineración

pneumas-larachaTres vertedoiros de pneumáticos “históricos” en Galiza (Fene, As Somozas e A Laracha) agardan por un tratamento que, de súpeto, virou prioritario para a Xunta. O “efecto Seseña” revelou o esquecemento dun problema que non interesou até que comezou a fumegar.

A xestión dos pneumáticos usados en Galiza é moi deficiente. Apenas existen instalacións adicadas á reutilización e á reciclaxe destes residuos, e a solución máis doada é amorealos en “depósitos” máis ou menos controlados en espera de “tratamento”. O vertedoiro de Fene, que acumula unhas 1000 toneladas, tiña como destino o recauchutado na empresa “Rubber Industrias del Caucho” que crebou no ano 2000. Nas Somozas, nas instalacións de SOGARISA, amoréanse por riba das 100 tn cuxo destino é a fabricación de CDR (combustíbel derivado dos residuos) para queimar como coadxuvante en cementeiras e outras fatorías de cerámica e siderurxia. E as preto de 34.000 tn do vertedoiro d’A Laracha, un terzo do acumulado en Seseña, semella que van ser “valorizadas enerxéticamente” por unha empresa de cerámica.

Como recén acabamos de comprobar, e alén do seu esquecemento secular (o problema que non se ve, non existe), o tratamento destes residuos cando por fin acontece, pasa case sempre pola incineración (un 45%), eufemísticamente chamada valorización enerxética en cementeiras ou cerámicas; o “depósito” máis ou menos legal (outro 45%) e a reutilización e reciclaxe (menos do 10%, unha roda de cada 10).

O problema é que a incineración, ao igual que o incendio do vertedoiro de Seseña, transforma un valioso residuo aproveitábel (goma vulcanizada e metal) ademáis de en enerxía -barata para quen a aproveita-, en compostos altamente tóxicos como dioxinas, furanos, PCBs, HAPs e metais pesados, alén de partículas, CO2 e gases de xofre e nitróxeno. Son precisamente estes compostos máis tóxicos os que poucas veces se miden nas estacións de control da contaminación atmosférica.

Dende ADEGA instamos ás administracións a abordar esta problemática como ten que acontecer con calquera xestión de residuos:

-Prevención e redución: Menos coches nas estradas significa menos pneumáticos que tratar. Repercutir no prezo o custo do tratamento e favorecer sistemas de pago por devolución, responsabilizaría a produtores e usuarios/as da correcta xestión destes refugallos.

-Reutilización: o recauchutado permitiría recuperar arredor dun 20% dos pneumáticos fóra de uso. Non esquecer tampouco unha segunda vida vía reutilización directa como elementos construtivos, decorativos, de amortecemento de impactos, etc.

-Reciclaxe: para compostos asfálticos de estradas, pistas deportivas e de xogo, cintas transportadoras, céspede sintético, roupa técnica…

-En ningún caso contemplar a incineración como alternativa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s