As actuacións vinculadas coas sendas fluviais comezan a ter consecuencias. Concretamente, O Grupo Ecoloxista ADENCO acaba de ter coñecemento da sanción de 6.000 euros imposta pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas como responsable dunha infracción administrativa pola realización dun corte do foxo do castro pola parte norte do xacemento debido á construción da senda fluvial, sen contar coa previa e preceptiva autorización da Dirección Xeral. A resolución dictada por Patrimonio notifícalle ao Concello ponteareá a obriga de restituír as cousas ao seu estado.
Os informes dos servizos técnicos de arqueoloxía da Consellería conclúen que hai danos no xacemento arqueolóxico derivados do corte do foxo do Castro da Croa. Sorprendentemente, durante o proceso sancionador o Concello tratou de alegar descoñecemento da existencia do Castro, a pesar de que este Ben de Interese Cultural figura nas normas de planeamento municipal e mesmo no PXOM de Ponteareas, tal e como sinalan os servizos técnicos da Consellería.
Desde o momento da destrución de parte do castro da Croa, en Ribadetea a finais do ano 2013, ADENCO ten denunciado estas actuacións e realizado diferentes iniciativas para por en coñecemento das autoridades competentes as afeccións que ten padecido o elemento patrimonial, concretamente a destrución de parte dun parapeto defensivo e a retirada de xabre e terra con palas e outra maquinaria pesada dentro da área de protección integral.
A importancia do ben patrimonial Castro da Croa
Cómpre lembrar que o Castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado como Ben de Interese Cultural e con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na parroquia de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e fosos cos que conta o que o converten nun elemento singular e único que debe ser conservado e protexido e que mesmo pode servir para dinamizar socioeconomicamente a contorna.
ADENCO continuará divulgando e defendendo o patrimonio da Comarca do Condado e denunciando todas as consecuencias negativas derivadas das sendas fluviais realizadas na beira do Tea.