A APDR rexeita participar con ENCE nunha mesa polo saneamento da rìa

ENCE-fora-60Temos recibido unha invitación da empresa ENCE para que o noso colectivo participe nun suposto espazo de encontro permanente co obxectivo de sumar esforzos para a recuperación da calidade das augas da nosa Ría, unha proposta que non dubidamos en enmarcar na actual campaña publicitaria coa que a empresa pasteira pretende lavar a súa má imaxe entre a poboación da comarca.

En primeiro lugar, parécenos pretensioso que os directivos de ENCE se arroguen unha autoridade da que carecen; porque, que lexitimidade teñen para convocar unha mesa para o saneamento da Ría quen contribúen de forma decisiva á súa destrución? ENCE é  parte fundamental do problema e nunca da solución! A responsabilidade neste terreo correspóndelle ás administracións, e ENCE –por máis que a conivencia co PP e mesmo as relacións político familiares con distintos cargos da Xunta de Galicia puideran facer pensar noutra cousa- non está lexitimada para xogar este papel.

E resulta insultante, ademais, que unha empresa que non amosou ningún respecto pola poboación da comarca, que nin sequera paga os seus impostos en Pontevedra, que durante moitos anos non fixo ningún esforzo por reducir o impacto dos seus vertidos á Ría e que sigue incumprindo a Directiva 91/271/CEE pondo en perigo a calidade das augas da Ría e os postos de traballo da xente do mar, pretenda agora erixirse no lider do seu saneamento. Como no conto da carapuchiña vermella, o lobo vístese de avoíña para poder seguir estragando o noso medio, os recursos naturais e a nosa economía!

E desde a APDR queremos deixar ben claro que non imos participar nesta cerimonia da confusión que só ten por obxectivo lavar a cara dunha empresa ilegal, condenada por delito ecolóxico continuado e por danos á saúde das persoas e que vén incumprindo de forma sistemática a lexislación ambiental. Non imos sentar xuntos os que loitamos polo saneamento e a recuperación da Ría e aqueles que a están a estragar desde hai xa demasiados anos cos seus vertidos ilegais. Porque para nós, e sendo conscientes de que non abonda con isto, non será posíbel o saneamento integral da nosa Ría mentres ENCE e ELNOSA sigan vertendo en Lourizán; porque como primeira medida para poder acometer este saneamento, hai que poñer fin á actividade industrial do complexo ENCE-ELNOSA no seu actual emprazamento. Porque nós aspiramos a recuperar a calidade das augas da Ría para que sexa posíbel recuperar tamén a súa verdadeira vocación, que non é outra que a explotación racional dos recursos da pesca, o marisqueo e o turismo, unha actividade que non será posíbel en tanto non se eliminen os vertidos de ENCE e ELNOSA.

E queremos que quede moi claro que as nosas relacións con ENCE limitaranse sempre a aquelas estritamente derivadas da nosa loita contra da súa presenza en Lourizán; a aquelas que teñan que ver coa denuncia das continuas ilegalidades da empresa e dos danos no medio ambiente, na saúde e na calidade de vida das persoas; ou a aquelas que teñan por obxectivo denunciar as conivencias coas administracións, as portas xiratorias que levan a ex altos cargos do PP ao Consello de Administración da empresa, ou as relacións familiares entre o actual director, Sr. Casal, e a Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Xa por último, dicirlle aos responsábeis de ENCE que o único comunicado que agardamos da súa empresa é o que poña fin á súa actividade industrial en Lourizán e anuncie a devolución ao seu estado inicial do espazo roubado á Ría hai xa 60 anos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s