O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de ter coñecemento do inicio de dous novos expediente sancionadores por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra os Concellos de Mondariz e Ponteareas polas obras realizadas para a construción do paseo fluvial do río Tea. Estes dous novos expedientes son independentes do expediente sancionador coñecido fai uns días vinculado con outras actuacións das sendas fluviais.
Concretamente un dos novos expedientes sancionadores correspóndese co incumprimento das condicións particulares na execución do proxecto da senda fluvial que vai dende A Freixa ate Padróns (Ponteareas). Esta obra tivo como promotor ao propio concello ponteareán e provocou múltiples impactos no medio e no patrimonio como o xa recoñecido pola administración no Castro da Croa. O segundo dos novos expedientes está vinculado co incumprimento das condicións particulares na execución de dúas pasarelas ubicadas no Xabriña e a execución dunha senda ubicada na zona de policía no Tea e no Xabriña.
Desde hai case tres anos, o Grupo Ecoloxista ADENCO vén denunciando o impacto destas obras sobre o espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 Río Tea, debido á construción dunha senda fluvial quilométrica, entre Ponteareas e Mondariz. As afeccións son varias: destrución do hábitat, alteración do espazo, achega de terra e de grandes cantidades de xabre ao cauce do río, afeccións ao patrimonio, impactos na fauna e na flora protexida, afeccións ás zonas de freza, etc.
A raíz das últimas enchentes, nas que a auga do río destruíu quilómetros de senda, arrastrando centos de toneladas de xabre ao fondo do río, levantando ou movendo pasarelas e pontes, deixándoas inutilizadas, o Grupo Ecoloxista Adenco volveu pór de manifesto a inadecuada realización da obra, que non cumpría os permisos obtidos no seu día.
O traballode senvolvido polo Grupo Ecoloxista Adenco comeza a dar froitos e nas últimas semanas temos coñecido a sanción de 6.000 euros imposta ao concello de Ponteareas pola destrución de parte do Castro da Croa e a apertura de varios expedientes sancionadores aos concellos de Ponteareas e Mondariz por incumprimento das condicións impostas para a construción das sendas.
O Grupo Ecoloxista ADENCO personarase nos procedementos abertos, solicitando copia de todo o que se tramite a partir de agora e, unha vez máis, recordando o acordado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia: a necesidade de retirar a senda e devolver o espazo á súa situación anterior.