O Colectivo Ecoloxista do Salnés anima a extender o modelo de limpeza da Lanzada a outros areais

A praia da Lanzada, en O Grove, é un dos areais con máis sona de Galicia e a zona máis visitada do espazo protexido do Complexo Umia- O Grove (Rede Natura200).

Esta praia ten diversos valores naturais que a fan merecente de tal protección, como a flora dunar e as figuras xeomorfolóxicas asociadas (istmo dunar e duna rampante), ademais do grande valor paisaxístico. Ademais, nos últimos anos, sobre as súas areas pon os seus ovos unha das nosas aves máis escasas, a “píllara papuda” (Charadrius alexandrinus), especie calificada como en estado “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

O CES considera que o seu uso por parte dos visitantes estivais ten que preservar estes valores, polo que a información ambiental e as medidas de xestión deben ser as adecuadas. Dentro desta busca dun uso sostible da praia non cabe dúbida que a xestión do lixo merece unha posición prioritaria.  Dende o CES creemos que o Concello de O Grove deu tres grandes pasos neste sentido:

Minimizar as limpezas por medios mecanizados, diminuíndo así a compactación das areas, que afecta á pequena vida que se agocha entre os ocos das areas, vitais para a rede trófica da praia. Nunha praia limpada mecanicamente, sen distinguir algas e lixo, o número de especies desta pequena fauna descende máis dunha terceira parte con respecto a unha praia con limpeza manual (datos do estudo de M. Lastra & J.Dominguez, Univ de Vigo e USC, 2013).

Deixar de considerar as algas como lixo para tratalas como unha peza fundamental para o equilibrio ambiental da praia. As algas, que durante o verán o mar as arriba nas praias, son a fonte de alimento que agardan os pequenos animais que viven entre e sobre as areas, herbívoros e inofensivos para os humanos e que á súa vez serven de alimento a diversas aves, entre elas a ameazada Píllara papuda, que busca o seu alimento exclusivamente entre o arribazón. Ademais, unha vez descompostas, as algas fertilizan o entorno da praia, tanto as augas costeiras (zona de cría de moitos peixes e mariscos) como as plantas dunares. As algas tamén actúan contra a erosión da praia, directamente atrapando a area entre elas, e indirectamente fertilizando as plantas do primeiro cordón de duna que coas súas raíces loitan contra a erosión do vento.

A retirada das papeleiras do areal, o que evita o paso de vehículos para a retirada do lixo, evitando a compactación das areas e a disposición de comida fácil á fauna silvestre, o que pode provocar a presenza de fauna non desexable nun areal (avespas, ratas, cans asilvestrados…) e crear enfermidades na fauna silvestre por toxicidade ou atragantamentos. Está claro que neste punto a colaboración cidadá é vital para a implantación destas medidas, e semella que a súa gran maioría así o fai, se tomamos como indicativo a limpeza da que gozamos na Lanzada estes días.

O Concello de Sanxenxo tamén está a retirar  as papeleiras de moitas das súas praias e informando aos usuarios dos beneficios ambientais que isto supón. Así, dende o CES queremos animar aos Concellos a que estes 3 pasos que se deron na Lanzada se repetiran en todos os areais do Salnés, para que todos poidamos gozar duns areais en todo o seu esplendor turístico e ambiental.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s