A Manc. de concellos da Serra do Barbanza ten un sistema propio de xestión de residuos, un sistema que xira en torno a unha planta de compostaxe: priorízase a reciclaxe da fracción orgánica. Para isto é imprescindible unha boa separación acompañada dun programa educativo que estamos a desenvolver dende ADEGA.
Calquera concello, asociación, agrupación ou centro de ensino da mancomunidade pode solicitar un obradoiro para traballar a temática do lixo. Nestas datas participaremos en varios campamentos urbanos co obradoiro de “xogo do lixo”, co que aprenderemos a separar xogando.
O 26 de xullo estaremos no campamento de Xuño, 27 de xullo en Portosín, 28 de xullo en Porto do Son e o 29 de xullo en Louro. Por último no concello de Carnota na semana do 2 de agosto (data pendente de confirmar).
Este sistema de tratamento do lixo necesita unha cidadanía concienciada. Veciños e veciñas que coñezan a importancia da separación en orixe e que practiquen condutas proambientais para a redución, reutilización e reciclaxe.
Dos tres sistemas de xestión de residuos que conviven na Galiza o sistema do Barbanza é o que está a acadar mellores resultados en canto a taxa de reciclaxe. Chega ao 32% de recuperación de materiais, o cal é tres veces superior á taxa de reciclaxe de SOGAMA, mais aínda podemos facelo mellor.
Con sistemas baseados na compostaxe é posible chegar a reciclar o 80% dos materiais. O proxecto educativo é de vital importancia para manter estas cifras de reciclaxe e aumentalas.