As novas ataguías previstas no río Miño tamén incumprirían a Declaración de Impacto do proxecto da Fábrica da Luz de Lugo

dique_xullo_2016ADEGA, personada no expediente do proxecto da minicentral da fábrica da luz, presentou hoxe alegacións ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente contrarias á execución das novas ataguías propostas polo Concello de Lugo e a empresa INCA no río Miño e nun espazo natural protexido como zona de Rede Natura, ZEC (Zona de Especial Conservación) e Reserva da Biosfera.

Á diferenza do dique parcialmente construído no leito do río Miño, á altura de Saamasas, a construción das ataguías dos dispositivos de franqueo si aparecen recollidas no proxecto e na declaración de impacto ambiental aprobada para poder instalar as escalas de peixes nos caneiros da Luz e da Praia; sen embargo, tal e como están concibidas no expediente non se axustan ás condicións construtivas e ambientais de obrigado cumprimento establecidas no condicionado da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e no Estudo de Impacto Ambiental (EIA).

A proposta de execución contempla o uso dunha inxente cantidade de terra como recheo das ataguías proxectadas recuberta de cachóns de pedra. Porén, tanto na DIA como no EIA non se permite o uso de terra na realización das ataguías co obxecto de evitar o enlodamento das augas: “Para minimizar el enturbiamiento de las aguas se plantean ataguías de escollera, para cuya impermeabilización se revestirán con una lámina de prolipropileno” (DIA);  “A fin de minimizar el enturbiamiento de las augas no se plantean ataguías de tierra, sino de escollera” (EIA).

Así o dispuxo tamén a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta no seu informe preceptivo do 23 de novembro de 2011, onde claramente se establece que “no se plantean ataguías de tierra”. Este informe contradise coa autorización emitida agora pola Xunta, na que se acepta a construción de ataguías “de escolleras perimetrales de piedra, que contienen un relleno de tierra”.

Resulta alarmante que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil teñan dado autorización para a execución destas novas ataguías contradicíndose cos seus propios informes e disposicións anteriores, tendo en conta ademais que ningunha destas administracións ten a postestade necesaria para permitir accións contrarias á DIA do proxecto.

Ademais, curiosamente e para asombro do concello de Lugo, estarían incorrendo en gran parte dos mesmos motivos polos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil mandou parar hai oito meses as obras do dique ilegal e propón multar ao Concello con máis de 180.000 euros ademais de retirar o dique. Non sería responsable por parte das administracións públicas favorecer novas situacións de ilegalidade que logo se pretenden saldar a cargo do erario público.

Necesaria aplicación de medidas cautelares

Consideramos tamén necesario que tanto a Xunta como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil apliquen a cautela de non dar autorización para novas intervencións neste treito do río mentres este espazo non se devolva ao seu estado natural, é dicir, mentres non se retire o dique ilegal. Doutro xeito, estaríase incorrendo de novo nun incumprimento da Declaración de Impacto Ambiental.

Hai que ter en conta que este documento avala todas as actuacións previstas dentro do proxecto hidroeléctrico da fábrica da luz cando as condicións ecolóxicas e hidromorfolóxicas do río son as normais. Pola contra, a DIA non asume o impacto total que se derivaría nun mesmo espazo e tempo da suma das obras previstas con outros impactos non previstos á hora de aprobar a DIA e que non pasaron pola avaliación ambiental. Esta situación anómala pola que atravesa o espazo afectado non foi avaliada pola DIA e, por tanto, descoñécese o alcalce dos prexuízos ambientais que tal acumulación de intervencións poderían supor para o río nun mesmo espazo e tempo.

A isto hai que engadir, como xa temos indicado reiteradamente, que a Declaración de Impacto Ambiental aprobada o 20 de xullo de 2012 non recolle  adecuadamente todos os  hábitats e especies presentes na zona de Rede Natura afectada, algo sobre o que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza ten moita responsabilidade, xa que só se centrou en avaliar os aspectos construtivos das ataguías (e como vimos, mal avaliados) sen entrar a valorar, como lle corresponde, os efectos destas obras no espazo natural protexido do que é órgano tutelador,  e no que viven hábitats de interese comunitario e especies de elevado valor ecolóxico como o mexillón de río.

Legalizar outras ataguías “pola porta de atrás”

ADEGA tamén alega contra o intento descarado dos promotores das obras de acadar a autorización para o remate da ataguía ilegal (nº 4) e para a contrución dunha nova ataguía xunto ás comportas da canle de toma da fábrica (nº3)  a través deste expediente, relativo só aos dispositivos de franqueo (ataguías 1 e 2).

Así pois, a empresa pretende legalizar a través deste expediente e construír ao mesmo tempo catro ataguías no canto das dúas ás que só atinxe a autorización dos dispositivos de franqueo, unha a carón do Caneiro da Luz e outra a carón do Caneiro da Praia.

A promotora indica ademais que a ataguía 3 é opcional, e non se realizará se se autoriza a ataguía 4 (agora paralizada), polo que está a recoñecer que ambas infraestruturas estarían construídas para unha mesma finalidade polo que unha delas non é necesaria. É por iso que sorprende que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil admita nun informe do 19 de xullo que a ataguía 3 “se podrá ejecutar una vez qu el río alcance el caudal de estiaje”. Neste senso, debemos advertir á CHMS que de autorizar a ataguía 3 sen terse retirado a ataguía 4 (ilegal) estaría incorrendo nun novo incumprindo da concesión de augas, da súa condición específica 9ª na que se se di que: “Se alterará lo  mínimo posible la morfología del lecho fluvial por las obras en el dominio público hidráulico”.

O Caneiro da Luz non soportaría o impacto acumulado

A asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza tamén quixo poñer de manifesto, a través das súas alegacións, o estado de deterioro continuado ao que se está sometendo o Caneiro da Luz. A permanencia do dique ilegal a carón deste ben patrimonial nos últimos oito meses fixo que as dúas roturas coas que xa contaba sufriran un considerable sobredimensionamento e que a infraestrutura tradicional no seu conxunto soporte un acelerado deterioro pola acción das augas que irrompen con máis forza contra ela.

Se agora se constrúe a nova ataguía para a escala de peixes na outra marxe do caneiro, este quedaría flanqueado totalmente por dous muros de pedra e terra que provocarían que a corrente fluvial baixase aínda con máis forza contra o elemento patrimonial xa deteriorado. A coexistencia dos dous diques a carón do caneiro pode supoñer a súa destrución total e, mesmo, converter a escala de peixes proxectada nunha obra inútil.

En definitiva, ADEGA solicita que non se autorice a execución das ataguías relativas ás escalas de peixes mentres non garantan o cumprimento do EIA, da DIA e do proxecto no seu conxunto e, ao mesmo tempo, reclama que non se inicien as obras mentres non se teña retirado o dique ilegal e se teñan contestado ás presentes alegacións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s