A semana pasada producíronse varios lumes forestais na Comarca do Condado nos que foron arrasadas centos de hectáreas de monte e mesmo de áreas de cultivo cerca das vivendas. Os lumes de Mondariz e o de Arbo-As Neves con case 2.000 hectáreas calcinadas, xunto con outros lumes máis cativos, voltan provocar un importante desastre medioambiental na Comarca. Desde a Asociación ecoloxista quérese transmitir a enorme preocupación pola vaga de lumes forestais dos últimos días e polas terribles consecuencias ambientais que experimentaron as áreas afectadas. ADENCO lembra que os lumes forestais supoñen unha merma de biodiversidade, afectando ao solo fértil e a recursos tan relevantes como a auga.
ADENCO leva anos tratando de sensibilizar sobre esta terrible praga. Nese senso, ten trasladado aos gobernos municipais e aos grupos políticos da Comarca iniciativas concretas para avanzar na sustentabilidade e na multifuncionalidade dos montes da Comarca. O Grupo Ecoloxista considera que para poder atallar a praga dos lumes forestais é preciso desenvolver un conxunto de accións concretas. Resulta necesario a realización de iniciativas que incrementen a sensibilización ambiental polo mantemento do monte e do Medio Ambiente en xeral, mais tamén é preciso un cambio profundo dos modelos de xestión do monte, substituíndo paulatinamente dos nosos montes os monocultivos forestais e as especies alóctonas e pirófitas de crecemento rápido, como o eucalipto, por especies autóctonas de frondosas como os carballos, os castiñeiros ou os bidueiros que poden exercer de cortalumes naturais, proporcionando madeira de calidade e mesmo froitos, fomentando tamén a biodiversidade natural.
No mesmo senso, para loitar contra os lumes forestais e incrementar a prevención dos mesmos, resulta fundamental avanzar na multifuncionalidade do monte, mediante a formación dos propietarios forestais e cunha aposta firme polas frondosas e a diversificación de cultivos, avanzando na posta en marcha de novos aproveitamentos sustentables como os micolóxicos, os apícolas, os da gandaría en extensivo, os vinculados cos froitos do bosque, as castañas, os agroturísticos e educativos, etc.