ADEGA pídelle á Confederación que modifique as condicións da Declaración Ambiental da minicentral da fábrica da luz

dique_enteiroO pasado 4 de outubro, ADEGA, como parte personada no expediente do proxecto da fábrica da luz, tivo constancia do “Informe ambiental sobre recomendacións a seguir para protexer ou minimizar o impactos sobre especies catalogadas, das obras relativas ao dispositivo de franqueo do Caneiro da Luz e do Caneiro da Praia e das obras de reparación e dragado da canle de derivación”, asinado pola Subdirectora Xeral de Espazos Naturais, Mª Jesús Budiño. Ao longo de todo o informe, a Xunta corrobora que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto da fábrica da luz, aprobada o 20 de xullo de 2012, non preserva a integridade do espazo natural protexido como ZEC e ZEPVN Parga-Ladra-Támoga no río Miño, nin concreta as medidas de protección das especies e hábitats afectados polas obras, nin contempla unha correcta avaliación de moitas destas especies catalogadas con presenza na zona constatada (Nymphoides peltata, Isoetes fluitans…) ou probable (Luronium natans, Lutra lutra, Galmys pyrenaicus…), algunhas delas en perigo de extinción (Nymphoides peltata, Margaritifera margaritifera), que agora se deben avaliar. A través deste “informe de recomendacións”, a Xunta vén a recoñecer todos os defectos dos que adoece a DIA e que xa foran denunciados por ADEGA e a plataforma “Lugo de Cara ao Miño”.

Agora, a Xunta demanda ao promotor das obras que elabore unha proposta de protección das especies na que se inclúa unha análise cualitativa e cuantitativa das especies presentes na área de actuación e na zona de influencia das obras, durante “todo o seu ciclo vital”, o que significa que o estudo terá que desenvolverse, cando menos, durante todo un ano. Amáis, o promotor tería que establecer as medidas correctoras para evitar o impacto das obras nas devanditas especies. Para ADEGA, estes requirimentos acadan o nivel de esixencia dun trámite administrativo ordinario de avaliación ambiental, un procedemento que debe ser efectuado pola administración pública competente, e non polo promotor das obras, xa que este non ofrece as precisas garantías legais de obxectividade da avaliación e de sometemento do estudo á información pública, como así o esixe a normativa relativa á preservación da integridade dos espazos naturais protexidos de Rede Natura.

Á vista deste recente informe ambiental da Xunta no que se especifican as deficiencias da Declaración de Impacto, ADEGA vén de solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que inicie un procedemento de modificación da DIA que permita corrixir os erros da avaliación ambiental inicial e someter estes cambios á información pública. O colectivo ecoloxista tamén demanda que o Organismo de Bacía non permita a execución de máis obras no río Miño mentres non se resolva o devandito procedemento de modificación da DIA, é dicir, mentres non se garanta unha correcta avaliación do impacto ambiental. A mesma petición foi presentada por ADEGA ante o promotor das obras, o Concello de Lugo, o cal tamén tería a potestade para requirir o inicio deste procedemento de modificación da DIA, segundo o artigo 44 da Lei de Avaliación Ambiental vixente.

A ataguía para o dragado do río non é autorizable

Por outra banda, o “Informe ambiental de recomendacións” da Subdirección Xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia indica que, polo Declaración de Impacto Ambiental do proxecto, se entende que o dragado da canle de derivación se debe facer desde fóra do río. A Xunta sostense no apartado da DIA na que se indica que “a maior parte das obras realizaranse fóra do río” e, engade, que serán sobre todo aquelas de maior impacto, como o dragado da canle de derivación da fábrica da luz ou a instalación de turbinas, as que deben realizarse “sempre fóra do río”. Isto significa que a Xunta, indirectamente, está a manifestar a súa nula vontade de legalizar a ataguía parcialmente construída ou calquera outra que no futuro teña a intención de invadir o leito fluvial para executar o dragado do río.

Lembremos que o Ministerio e a Xunta veñen mantendo nos últimos meses un conflito de competencias por canto non se dan decidido quen é o organismo competente para autorizar a avaliación ambiental do dique. Esta sería a primeira vez que a Xunta se pronuncia sobre o seu rexeitamento á suposta autorización da ataguía ilegal.

Ante esta manifestación indirecta de rexeitamento da Xunta de Galicia para autorizar a ataguía construída no leito fluvial e, sobre todo, porque xa existe unha resolución firme do Ministerio de Medio Ambiente que obriga a retirar o dique ilegal, ADEGA entende que xa non ten sentido proseguir co trámite administrativo de autorización da devandita ataguía, polo que vén de pedirlle tamén á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que arquive dito expediente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s