Vimos de coñecer as declaracións do portavoz do PP no Concello de Pontevedra sobre o papel que debe xogar o goberno municipal capitalino (e o de Poio) no reparto das esmolas que ENCE di vai aportar aos colectivos sociais da comarca e, sinceramente, non saímos do noso asombro. No seu afán por defender a ENCE, o Sr. Moreira denuncia a negativa dos concellos a colaborar coa empresa neste reparto, un labor que nada ten que ver coas obrigas municipais.
Na APDR somos contrarios a esta política de ENCE, que persigue lavar a súa mala imáxe na comarca e permanecer na Ría mercando o silencio -cando non o apoio decidido- dos colectivos sociais perceptores das axudas, polo que facemos un chamamento a non participar desta farsa; en calquera caso, lonxe de compartir a posición do PP no que á colaboración dos concellos se refire, entendemos que deben ser os colectivos os que fagan a solicitude diante da empresa, sen mediador ningún. Entre outras cousas porque non fai falta. Poren, o PP, que desde o goberno central e autonómico -e ao tempo que inxecta enormes cantidades de cartos aos bancos e ás grandes empresas- pon en prática unha política de recortes, que elimina as axudas aos colectivos sociais e os deixa á mercede da “xenerosidade” privada, pretende agora presentarse como o seu benefactor diante da sociedade asumindo o papel de mediador entre ENCE e os colectivos sociais, un papel do que exclusivamente pretende tirar beneficios político-electorais e co que amosa -máis unha vez- a súa actitude de sumisión diante da empresa ilegal e contaminante de Lourizán. Aínda lembramos o “Ministra, se que lo vas a hacer, ten en cuenta la opinión del PP de Pontevedra…” de Moreira suplicándolle a García Tejerina a concesión da prórroga a ENCE!
Pero, na súa obsesión por demonizar ao goberno municipal de Pontevedra, o Sr. Moreira non dubida en facer un razonamento que roza o esperpéntico; considera o Sr. Moreira que se o BNG non quere participar da proposta de ENCE, tampouco debería cobrarlle os impostos! Pretende acaso o Sr. Moreira que o Concello rebaixe ou elimine a ENCE os impostos do IBI e o IAE (por certo, os únicos que paga en Pontevedra) como fai o seu partido na Xunta de Galicia co canon da auga? Como non vai ser partidario o Sr. Moreira da gratuidade de impostos para ENCE, se o seu partido pasará á historia por terlle regalado a Ría por 60 anos! Se o seu partido ten evidentes intereses na permanencia de ENCE na Ría, intereses políticos (a presenza de ex altos cargos do PP no Consejo de Administración da empresa só é unha pequena mostra desta realidade) e mesmo familiares (son abondo coñecidos os lazos familiares entre o director de ENCE Pontevedra e a Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta)! Se en base a estes intereses vén permitindo o incumprimento continuado da lexislación en materia de vertidos, nomeadamente o da Directiva 91/271/CEE!
É certo que ENCE ten unha enorme débeda coa cidadanía da comarca, unha débeda que ten adquirido tamén o PP do Sr. Moreira coa súa política proteccionista dos intereses da empresa fronte aos dereitos da maioría social. Pero non é mediante migallas como a ten que pagar. Para nós ENCE pagará a débeda contraída con Pontevedra cando abandone Lourizán, devolva o espazo roubado á Ría, as praias urbanas e o mellor dos bancos marisqueiros, soterradas unhas e outro baixo os recheos sobre os que asenta a fábrica, e á Ría a cualidade das augas que faga posíbel a recuperación dos postos de traballo perdidos no marisqueo, na pesca e no turismo; cando devolva á cidadanía a cualidade do ar e, con ela, a cualidade de vida e a saúde; cando, en fin, sexa posíbel recuperar a diversidade de usos no monte galego, hoxe perdida polo abusivo monocultivo de eucalipto. Calquera outra cousa débese considerar baixo o apartado dos gastos de publicidade.