A edición de outono de CERNA, xa está na rede!

0capa_cerna_76ADEGA publica a edición de outono da revista galega de ecoloxía e medio ambiente CERNA. O número 76 de CERNA recolle máis dunha ducia de artigos relativos a temas como residuos, contaminación, auga e ríos, incendios forestais, protección animal, conservación e enerxía, alén das súas seccións habituais de recursos, flora e fauna ou especies en perigo.

O tema central desta edición céntrase en SOGAMA e no seu modelo de xestión dos residuos sólidos urbanos.  Tras oito anos de silencio, SOGAMA publica a súa memoria de actividade na que, de novo, con cifras oficiais, queda patente a fraude ambiental, económica, enerxética e social que representa o modelo de xestión de refugallos predominante en Galiza, baseado no vertedoiro e na incineración. CERNA 76 debruza a alarmante e pésima situación pola que pasa a actual xestión dos residuos galegos, agora máis presente coa proliferación de novos proxectos de vertedoiro espallados polo país.

En materia de conservación, chamamos a atención sobre algúns espazos que, malia a ter o máximo recoñecemento legal ambiental, levan anos sendo maltratados, de forma directa ou indirecta, polas diferentes administracións públicas. É o caso crónico da Lagoa da Frouxeira (Valdoviño), un dos humidais máis protexidos e relevantes de Galiza, onde a Xunta promove continuas intervencións que están a abocar a lagoa á total seca. Outro importante retroceso é o que están a sufrir os queirogais no espazo natural protexido Ancares-Courel, pese a tratarse de hábitats de interese comunitario (algúns deles prioritarios) e fundamentais para a preservación da biodiversidade destas montañas. As repoboacións con eucaliptos ou piñeiros ou a reconversión das matogueiras en pasteiros, auspiciadas sorprendentemente con fondos europeos, están a situar os queirogais no peor momento da súa historia.

No capítulo forestal, detémonos no manual de acción que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán desenvolveu, tras a vaga de lumes de 2006, para guiar a Administración na adopción de medidas urxentes que freen a erosión do solo e as consecuencias das inundacións ou riadas tras o paso dos lumes estivais.

Na presente edición tamén abordamos conceptos como a restauración fluvial, a contaminación luminosa ou a depuración ecolóxica das augas residuais a través de humidais artificiais, unha metodoloxía pola que se está a apostar fortemente desde os concellos rurais e tamén desde o sector privado. Actualmente, contabilízanse en Galiza, cando menos, 28 humidais artificiais. Os últimos avances na abolición das touradas e dos espectáculos con animais en Galiza, o crecemento da cooperativa galega Nosa Enerxía ou os resultados dunha investigación pioneira por aire e por mar sobre a toniña, realizada pola CEMMA dentro do proxecto “Phocoeval”, son os temas que pecharán esta publicación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s