O Grupo Ecoloxista ADENCO ten denunciado perante Patrimonio novas actuacións no Castro da Croa, ben arqueolóxico localizado na aldea de Ribadetea no Concello de Ponteareas. Este importante Castro, tristemente coñecido pola destrución dun parapeto defensivo que motivou á apertura dun expediente sancionador ao Concello de Ponteareas, volta a ser noticia por novas actuacións que afectan á área de protección integral. Nesta ocasión as afeccións veñen derivadas da apertura de novos camiños e movementos de terras dentro da área de protección integral do ben catalogado denominado Castro da Croa.
As actuacións que afectan ao Castro están vinculadas co Proxecto de restauración da senda fluvial do Tea. A autorización destas actuacións indica que se fai unha “variación do trazado da senda en dúas zonas, aproveitando camiños existentes en desuso”. Sen embargo, as obras realizadas desenvolvéronse coa apertura de novos camiños e movemento de terras dentro da área de máxima protección do ben arqueolóxico.
ADENCO solicítalle a Patrimonio que inicie unha investigación sobre as actuacións na área de protección integral do ben patrimonial denominado Castro da Croa, indicándolle que, de existir algunha infracción da lexislación vixente, se inicien as actuacións sancionadoras pertinentes.
Cómpre lembrar que o castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na aldea de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e fosos cos que conta o que o converten nun elemento singular que pode servir para dinamizar social e economicamente a contorna.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio material e inmaterial da Comarca. Nese senso, ADENCO quere por de manifesto como nos últimos anos as actuacións de diferentes administracións públicas teñen provocado importantes afeccións en diferentes elementos patrimoniais do Condado.