De como o cumprimento da AAI non implica o cumprimento da legalidade

Se non se tratase dunha noticia que pode condicionar de forma grave o futuro da Ría de Pontevedra e da economía e saúde da comarca, teriamos que falar dunha nova broma do tándem ENCE-Xunta de Galicia. De non saber que o PP e a Xunta de Galicia teñen intereses directos na empresa e na súa permanencia en Lourizán, poderiamos pensar que se trata sinxelamente dunha manifestación de incompetencia da administración galega. Pero somos conscientes de que se trata -máis unha vez- dunha actitude de sometemento ás esixencias de ENCE; con independencia de cales sexan os datos concretos recollidos na inspección utilizada agora por ENCE como aval do seu cumprimento da lexislación ambiental, a realidade é que o Goberno galego e ENCE volven analizar de forma interesada a situación medio ambiental da fábrica de pasta de papel.

En efecto, cando se afirma que ENCE cumpre os parámetros ambientais recollidos na AAI, estase a obviar a realidade desa AAI, unha realidade que a APDR veu denunciando desde o momento en que se iniciou a súa tramitación e que se enmarca na enorme permisividade dos parámetros ambientais fixados polo goberno autonómico. Lonxe de fixar -como considera na súa exposición de motivos a lei reguladora destas autorizacións- uns límites cando menos similares aos fixados na lexislación, ten fixado valores que nalgúns casos duplican ou triplican os legais. E non considera parámetros como os microbiolóxicos que, tratándose a Ría dunha zona declarada como sensíbel a efectos da súa protección e pola súa evidente vocación marisqueira, pesqueira e turística, terían que ser considerados. Neste sentido -e contrariamente ao que afirma a empresa- a AAI de ENCE non establece as condicións necesarias para acadar a maior protección ambiental posíbel ao medio.

E agachan interesadamente Xunta e ENCE que os vertidos da fábrica de pasta de papel á Ría teñen que cumprir a lexislación relativa ás augas residuais urbanas por verter conxuntamente coas augas residuais domésticas polo emisario submarino e que, nese sentido, a AAI concedida á empresa polo goberno bipartito PSOE-BNG no ano 2008 e renovada polo PP no 2011, tiña que ter fixado para estes vertidos -como mínimo- os valores establecidos na Directiva 91/271/CE. Así o mantivemos sempre na APDR e así o confirmou recentemente a Comisión de Medio Ambiente da Unión Europea por boca do Comisario Sr. Vella, que afirma con rotundidade que -moi ao contrario do que defenden ENCE e Xunta- “só se aplicarán os límites asociados ás chamadas Mejores Técnicas Disponíbeis (MTD) no caso de vertido directo das augas residuais ás augas receptoras”, eliminando de seguido calquera posíbel dúbida ao respecto do caso da fábrica de Lourizán, ao concluír que “se as augas residuais da fábrica de pasta de papel se verten a través dunha instalación de tratamento de augas residuais urbanas, aplicaranse as disposicións da Directiva 91/271/CE, sobre o tratamento das augas residuais urbanas”.

Atreverase a Xunta de Galicia -como fixo no seu momento ENCE- a dicir que o emisario submarino de Lourizán non é unha instalación de tratamento de augas residuais urbanas? Tempo ao tempo! En calquera caso, nós, imos seguir loitando polo cumprimento da legalidade e acudiremos aos órganos administrativos ou xudiciais competentes neste particular.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s