As agresións ao patrimonio arqueolóxico de san Xulián suman novas críticas

danonacarrasca2Xa son catro as entidades que nas últimas semanas amosaron a súa preocupación polas agresións ao patrimonio catalogado existente no monte veciñal da parroquia de San Xulián. A Xunta de Galicia, o Concello de Marín e o Seprona recibiron distintos escritos asinados pola Irmandade Illa de Tambo, a asociación cultural A Forneiriña, o colectivo ecoloxista Luita Verde e Defende o Monte Pituco (Pornedo) denunciando os danos provocados por uns traballos de desbroce encargados pola Comunidade de Montes de San Xulián sen sinalización previa dos xacementos e sen supervisión técnica nin arqueolóxica.

Como consecuencia da falta de previsión desas actuacións, o grupo número cinco do conxunto rupestre da Carrasca resultou afectado polas cadeas mecánicas dun tractor, provocando unha visible raspadura na superficie da laxe que contén gravados da Idade do Bronce, clasificados como Bens de Interese Cultural (BIC) de Galicia. O paso da desbrozadora tamén causou a rotura doutras pedras de menor tamaño situadas na beira do camiño, a carón dos petróglifos.

.

Pero ademais, no marco deses traballos tamén estiveron en serio perigo de destrucción os gravados rupestres do Pornedo, outro dos elementos inventariados e catalogados na zona como BIC, xa que as máquinas desbrozaron o sendeiro que pasa a rente deste xacemento.

A Comunidade de Montes de San Xulián é a primeira responsable desta neglixencia, tipificada como “infracción grave” na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que entrou en vigor o pasado mes de agosto. Mais tamén a Xunta e o Concello teñen responsabilidades directas por non exercer as súas competencias en materia de protección e conservación.

Luita Verde e Defende o Monte Pituco instaron á Xunta e ao Concello a esclarecer os feitos e a tomar as medidas oportunas para que non se volva repetir esta lamentable situación. Isto non supón que as Administracións nin os propietarios dos terreos queden eximidos de cumprir as obrigas que teñen que ver coa limpeza e co mantemento dos xacementos, con plenas garantías de respecto á súa integridade.

De feito, a asociación Monte Pituco tenlle reclamado en numerosas ocasións ao Goberno local que lle preste máis atención ao patrimonio prehistórico situado en San Xulián -a parroquia marinense con maior densidade de xacementos arqueolóxicos- colaborando na súa sinalización e posta en valor, na elaboración de actividades divulgativas e incluíndo estes elementos de interese nas campañas de promoción cultural e turística que, por desgraza e dende hai anos, non pasan da centrarse nunha mínima parte do rico, variado e importante patrimonio cultural do municipio.

Se as Comunidades de Montes coñecesen na realidade o patrimonio que teñen nos terreos que xestionan, imprudencias como as que aconteceron na Carrasca e no Pornedo non se terían producido. Por engadido, dáse o paradoxo de que a Comunidade de Montes de San Xulián participou na posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que abrangue os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, ademais da mámoa de Sete Camiños no límite con Lourizán, entre outros xacementos.

Para abundar nas contradicións, o petróglifo agredido na Carrasca pertence ao conxunto rupestre que, xunto cos gravados de Champás, tamén forma parte do Espazo Sete Camiños. Nunha segunda fase deste proxecto, a Comunidade de Montes de San Xulián chegou a comprometerse publicamente a completar a súa limpeza, sinalización e posta en valor, enlazando estes elementos co parque forestal do Lago de Castiñeiras.

Para Luita Verde, o que a Comunidade de Montes dá a entender con estes feitos é que o interese polo patrimonio cultural existente no seu ámbito está a ser só no papel e, na práctica, a súa atención non vai máis aló do puramente produtivo. Por riba, dáse o caso de que a afección á contorna protexida dos elementos culturais agredidos foi polo desbroce agresivo de pistas e camiños en relación coas plantacións forestais.

O pronunciamento do Concello de Marín sobre os desperfectos acontecidos no petróglifo da Carrasca, anunciando que lle ofrece a súa “colaboración” á Comunidade de Montes, evidencia que o Goberno local non toma en serio as denuncias de colectivos como a Irmandade Illa de Tambo, A Forneiriña, Luita Verde e Defende o Monte Pituco, xa que a Comunidade de Montes non foi vítima dunha acción allea, senón executora dunha grave agresión ao seu propio patrimonio.

Ao entender de Luita Verde e Defende o Monte Pituco, a resposta debería ser procurar -en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta- un maior control do estado de conservación destes xacementos arqueolóxicos, como así mesmo do resto dos máis de medio cento de elementos existentes por todo o Concello, en vez de actuar cando non hai remedio, en base á súa afección, degradación ou, no peor dos casos, destrucción. E ademais, participar de forma real e efectiva na posta en valor, mantemento e promoción cultural do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, da conexión deste Espazo a través dos conxuntos rupestres de Champás e A Carrasca co conxunto patrimonial de Chan de Castiñeiras, e da súa continuación ata Chan de Arquiña pola Ruta das Mámoas do Morrazo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s