Resposta da APDR ao vicepresidente da Deputación

Sr. Mosquera,

Temos lido as súas declaracións ao respecto do convenio de cesión da Finca e Pazo de Montero Ríos en Lourizán á Xunta de Galicia e, aínda que non di Vde. nada significativamente diferente ao adiantado no seu día pola Presidenta da entidade provincial, temos que recoñecer que nos teñen provocado maior preocupación que daquela.

Evidentemente, somos conscientes de que -a día de hoxe- a Xunta é quen ten que xestionar as instalacións existentes na finca de Lourizán, como o somos tamén da ruinosa situación na que se atopa hoxe o Pazo pola ineptitude da administración galega; e, precisamente, porque coñecemos as dificultades (económicas entre outras) da Xunta para impulsar calquera proxecto para este inmóbel público, preocúpanos a simple posibilidade de deixar ao alburo das veleidades privatizadoras do actual goberno galego o futuro destas instalacións.

Preocúpanos, Sr. Mosquera, o categórico da súa resposta cando fala da renovación do acordo coa Xunta de Galicia; porque, que quere dicir Vde. cando afirma que “a Deputación non vai poñer problemas”? Estálle dando “carta branca” á Xunta para facer o que queira cunhas instalacións que forman parte do noso patrimonio cultural? Porque, Sr. Mosquera, aínda que sexa certo que a Deputación descoñeza oficialmente os plans da Xunta para ese edificio, non é menos certo que eses plans de rehabilitación pasan pola cesión do Pazo a ENCE, a empresa que está a destruír a nosa Ría, a nosa economía e a nosa saúde; a unha empresa ilegal, que utiliza a chantaxe e a compra de vontades para tratar de mudar a súa imaxe e manter os seus privilexios en Lourizán. E Vde., e a forza política que representa, coñecen perfectamente de que estamos a falar.

Preocúpanos que Vde., que admite que trala renovación da cesión, a Xunta tería as mans libres para darlle o uso que estime conveniente, non poña limitacións a ese futuro uso eliminando a posibilidade de que ENCE se faga co Pazo de Lourizán. Non sería máis lóxico que Vde. deixara claro diante da cidadanía pontevedresa que o novo convenio de cesión debería garantir o uso exclusivamente público do Pazo e as demais instalacións da finca de Lourizán?

Non dubidamos do seu posicionamento anti-ENCE, por iso a nosa sorpresa; por iso non podemos entender que razón pode levarlle a non despexar calquera sombra de dúbida facendo chegar á maioría social da comarca, que comparte con Vde. o desexo de ver canto antes a Ría libre do complexo ENCE-ELNOSA, unha mensaxe tranquilizadora, unha mensaxe que sería ao tempo un aviso a ENCE e os seus valedores da firmeza da administración provincial fronte ás súas pretensións de facerse co Pazo de Lourizán para uso exclusivamente privado.

Xa por último, Sr. Mosquera, lembrarlle a solicitude de entrevista cursada no seu día pola APDR á Presidenta da Deputación para intercambiar opinións sobre este particular, solicitude que non ten recibido resposta ningunha a día de hoxe e que reiteramos de novo.

Reciba un saúdo,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s