A estrea o pasado día 10 do documental “PARAÍSO ROUBADO”, concitou tal expectación que fixo que o Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo se quedara moi pequeno para poder acoller a unha multitude de persoas que -unha vez cheo o auditorio- seguía achegándose á chamada da Asociación Pola Defensa da Ría. De feito, os comentarios máis xeneralizados na longuísima fileira que se formou ás portas do Museo, xiraban arredor deste particular e convertían a cifra de asistencia nun “record” absoluto para este recinto. Calcúlase que a xente que quedou fóra podería encher de novo o Salón.
Desde a APDR queremos, en primeiro lugar, pedir desculpas polas molestias que puidemos causar a todas as persoas que viron frustradas as súas expectativas de acceder á estrea do documental e agradecer a excelente resposta dada á nosa convocatoria, un claro exemplo do posicionamento maioritario na poboación da comarca na loita contra o complexo ENCE-ELNOSA e pola necesidade de recuperar a Ría; desde un principio, eramos conscientes do interese que o tema ía despertar en Pontevedra e arredores, e sabiamos que o cheo do Salón de Actos do Museo estaba practicamente asegurado. Pero debemos recoñecer que a resposta cidadá superou con creces os cálculos máis optimistas.
En segundo lugar, queremos destacar o excelente comportamento que en todo momento tiveron as persoas que non conseguiron acceder ao Auditorio, que a pesar de ter aguantado o frío e a choiva, fixérono de forma ordenada e comprenderon as razóns expostas polo persoal do Museo e polos membros da Xunta Directiva da APDR. Alí mesmo, diante da xente e porque o entendiamos de xustiza, a APDR comprometeuse a programar un segundo pase do documental en canto fose posíbel dispoñer dun local, e temos cumprido xa a nosa promesa. Grazas ao compromiso que en todo momento manifestou D. Carlos Valle, Director do Museo, co noso proxecto, a APDR vai poder realizar este segundo pase o vindeiro martes 30 de maio ás 20:00 horas no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo. Animamos a toda a cidadanía que aínda non tivo oportunidade de ver o magnífico traballo dirixido por Lukas Santiago e producido pola nosa asociación en colaboración co Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico (Deputación de Pontevedra), co Fondo da Cartoteca provincial “Domingo Fontán” e co Museo de Pontevedra, a achegarse ás instalacións do Sexto Edificio do Museo na seguridade de que van ver cumpridas todas as súas expectativas.
Xa por último, queremos facer un chamamento ao conxunto da cidadanía para que manteña en pé o espírito combativo contra a ilegalidade que supón manter o complexo ENCE-ELNOSA na nosa Ría e siga manifestando, como fixo neste caso, a súa posición decidida a prol da súa recuperación para a explotación racional dos seus recursos naturais e turísticos.