Os procesos derivados das actuacións na beira do río Tea continúan. Nesta ocasión, a partir da denuncia do Grupo Ecoloxista ADENCO, a Confederación Hidrográfica decide abrir un novo expediente sancionador ao concello de Ponteareas por obras sen autorización administrativa da Confederación consistentes na apertura dun camiño na zona de policía xunto ao Castro da Croa.
As mal denominadas obras de restauración voltan producir un novo expediente sancionador por parte da Confederación. Esta expediente sancionador pode derivar nunha nova multa ao concello de Ponteareas que se sumaría a outras previas no mesmo treito de senda, como a relativa á destrución de parte do Castro da Croa ou a recentes multas por incumprimento das condicións autorizadas.
Por outra banda, ADENCO alerta de que a segunda fase “restauración”, na que se contempla a utilización de pavimento con vidro nalgúns treitos da senda, afectará novamente ao hábitat prioritario da Rede Natura 2000, os bosques aluviais de amieiros e freixos, unha das principais motivacións de que o Tea sexa un espazo protexido. ADENCO considera, ademais, que esta actuación só servirá para adiar novamente a acción do río que, nas áreas inundables, voltará reclamar o que é seu.
Desde ADENCO considérase que este é o enésimo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. Certamente, desde a creación das sendas tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo protexido inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese. Estes impactos van continuar, xa que a senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental e cultural existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e volta a esixir responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.