Esta mesma semana o Grupo Ecoloxista ADENCO ten recibido notificación da apertura dun novo expediente sancionador ao Concello de Ponteareas que se suma ao vinculado coa apertura dun novo camiño ao lado do Castro da Croa. Nesta ocasión, a partir da denuncia do Grupo Ecoloxista ADENCO, a Confederación Hidrográfica decide abrir un novo expediente sancionador ao concello de Ponteareas por ocupación sen autorización do cauce do Tea mediante dúas escolleiras en dominio público hidraúlico, causando danos, así como pola realización de obras sen autorización.
As mal denominadas obras de “restauración” xa teñen producido dous expedientes sancionadores ao Concello de Ponteareas que se suman ás recentes multas por incumprimento das condicións autorizadas na realización da senda ou a relativa á destrución de parte do Castro da Croa. ADENCO personarase no procedemento e esixirá responsabilidades ante a sorprendente realización de obras sen autorización da Confederación
Desde ADENCO considérase que este é o enésimo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. Certamente, desde a creación das sendas tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo protexido inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese. Estes impactos van continuar, xa que a senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental e cultural existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e volta esixir responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.