ADENCO vai ate o Parlamento Europeo para denunciar os impactos das sendas fluviais no río Tea

O Grupo Ecoloxista ADENCO estivo esta semana no Parlamento Europeo denunciando perante eurodiputados os importantes impactos económicos e ambientais derivados da mala utilización de fondos europeos no espazo protexido ZEC Río Tea. Nesta visita, á que ADENCO foi convidado por Compromiso por Galicia, presentouse o conflito ambiental existente desde o ano 2013. Os membros do Grupo Ecoloxista reuníronse cos europarlamentarios Lidia Senra e Izaskun Bilbao e facilitáronlles información sobre as multas e expedientes sancionadores que se teñen producido nos últimos meses e semanas para os concellos de Ponteareas e Mondariz.

O Grupo Ecoloxista solicitoulle aos eurodiputados do Parlamento Europeo a súa implicación na denuncia da mala utilización de fondos europeos, así e como na adopción de medidas que favorezan a asunción de responsabilidades por parte das Administracións implicadas nas actuacións que provocaron afeccións ambientais ao espazo protexido e o malgasto de cartos públicos.

Certamente, desde o inicio destas actuacións ADENCO ten denunciado o impacto negativo a hábitats protexidos dentro da Rede Natura 2000, algúns prioritarios, e a afección, evidente, a diferentes especies, animais e vexetais, algunhas en perigo de extinción e outras en clara recesión. Neste senso, as enormes cantidades de xabre que se teñen vertido ao río nos últimos meses e o conseguinte, absurdo e inasumible, gasto económico derivado do parcheo  dos treitos da senda destruídos constitúen outra das irracionalidades deste proxecto. Como ten sinalado ADENCO en diversas actuacións a realización das obras nas áreas inundables do curso fluvial provocarán que se sigan malgastando recursos e provocando afeccións ao espazo protexido.

ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e esixirá responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s