Medio Ambiente alerta aos axentes do distrito para que non se maltraten animais nas festas do corpus

O Grupo Ecoloxista ADENCO recordou nestas últimas semanas ás administracións competentes, tanto á Consellaría de Medio Ambiente como ao Concello de Ponteareas para que non repitan os feitos denunciados no último ano. A Consellería indicoulles aos ecoloxistas que a actuación da utilización de animais salvaxes no cruceiro vexetal está prohibida e que o ano pasado non se puido iniciar o expediente sancionador ao non recibir por parte do Concello información da identificación das persoas que realizaron a actuación.

O Concello di non ter coñecemento da  exhibición de animais no corpus

O Grupo Ecoloxista ADENCO recorda que o Concello respostou ao requirimento de Medio Ambiente, pero, sorprendentemente, o Concello sinalou, tras dúas solicitudes por parte da Consellería, que non ten coñecemento da  exhibición de animais salvaxes no corpus, cuestión de sobra coñecida por calquera persoa que resida no Concello. Certamente, no cruce da Baixada de San Gregorio coa rúa dos Ferreiros móntase desde fai anos unha estrutura similar a unha cruz con importantes cantidades de brións, na que se introducen diferentes especies de réptiles, culebras de varias especies, como a culebra de colar e lagartos, entre eles exemplares de lagarto arnal. Os animais están atados e posiblemente cun estado alterado de consciencia, manténdose durante horas nese lugar rodeados de xente, con altos niveis de ruído, etc.

A denuncia formulada por ADENCO, na que se achegaron imaxes dos animais e información documental, motivou que a Consellería de Medio Ambiente trasladase información aos axentes do distrito a fin de que extremen a vixilancia co propósito de que non se volva repetir unha actuación similar no vindeiro corpus.

O Grupo Ecoloxista ADENCO continuará a loitar contra o maltrato animal. Nese senso, cómpre lembrar que, a iniciativa de ADENCO, o Pleno do Concello de Ponteareas ten aprobado por unanimidade a Moción do 15 de Marzo de 2016 mediante a que se acorda que “o Concello de Ponteareas sexa parte activa contra a utilización de animais salvaxes ou en catividade en espectáculos, filmacións, actividades publicitarias, actividades culturais ou relixiosas e calquera outra actividade sempre que lles poida ocasionar dano ou sufrimento, ou ben degradación, tratamentos antinaturais ou estrés”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s