A Consellería de Medio Ambiente e os medios de información difundían onte o proxecto de macroincineradora de biomasa para xeración eléctrica, unha industria cun grande impacto no Medio e cunha potencia proxectada de 50 MW localizada no concello de Curtis que ten previsto a queima de 546.000 toneladas ao ano de biomasa. A Xunta de Galiza continúa a apostar por un modelo que xa está cuestionado por organismos da propia Unión Europea como a Axencia Europea do Medio Ambiente.
A Federación Ecoloxista Galega oponse á instalación desta macroincineradora de biomasa en Curtis e presentará nos próximos días alegacións, como xa fixo nun proceso previo en outubro do 2016. A FEG xa alegou contra outros proxectos de macroincineradoras de biomasa e os cultivos enerxéticos que precisarían para o seu funcionamento. Así, a FEG, considera que o proxecto terá un impacto ambiental moi negativo e que se quere acoller agora á recente modificación normativa realizada pola Xunta de Galicia, quen difunde o proxecto como gran referente para a protección dos nosos montes. A FEG alerta do feito de que as importantes cantidades de biomasa que precisaría a planta (546.000 toneladas/ano, 1.740 toneladas ao día, 72,5 cada hora), segundo a información facilitada, precisarían do emprego de cultivos enerxéticos. Non obstante, a empresa non proporciona datos sobre a dispoñibilidade e garantía de subministro, indicando que a biomasa vai ser recollida, principalmente, nas provincias da Coruña e Lugo.
Informe do INEGA alertando da necesidade dos cultivos enerxéticos para abastecer ás macroincineradoras
O que non se difunde desde a Xunta ou desde a empresa son estudos, como realizado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que recoñece a necesidade da utilización a grande escala de cultivos enerxéticos para as industrias de biomasa que se pretenden instalar. Segundo este estudo, dispoñible na páxina web do INEGA, serían precisas máis miles de toneladas anuais de cultivos enerxéticos coas que complementar outras clases de biomasa que se queimarían na planta e tendo en conta o conxunto do territorio galego.
O estudo do INEGA indica tamén que as especies máis apropiadas para os cultivos enerxéticos serían especies alóctonas como a Paulownia ou o eucalipto, e tamén especies invasoras que xa están afectando aos montes galegos como a mimosa, a acacia de madeira negra ou a falsa acacia. Os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co Medio debido aos ciclos de corta reducidos de tres ou catro anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. Por outra banda, os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas.
A FEG oponse de xeito rotundo a este proxecto de macroincineradora e ás plantacións de cultivos enerxéticos que precisaría. Nese senso, a FEG continuará a apostar por modelos sustentables e alternativos de xestión do monte.