Feijóo apóntase á loita contra o cambio climático, logo de ter lexislado para favorecelo (Artigo de opinión de Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA)

Logo de décadas de negar o evidente, a reconversión dalgúns políticos en paladíns da loita contra a mudanza climática non deixa de sorprender. Esquecidas xa as receitas do “primo” de Rajoy, agora toca apontarse á “descarbonización” co entusiasmo propio dos novos conversos… Mágoa que para o planeta talvez sexa tarde, e só poidamos aspirar a amortecer algo as consecuencias das políticas insensatas e suicidas que practicaron os que como Feijóo, agora pretenden darnos leccións de ecoloxismo.

O novo ´mantra´climático da Xunta: os acordos do clima de París

Unha vaga de “bonrollismo” parece asolagar a moitos governos, Xunta incluída, que celebraron os recentes acordos climáticos de París coma se fora un “New Deal” planetario. A mitificación dos resultados deste evento lembra moito ao acontecido co extinto Protocolo de Quioto: todo o mundo falaba das súas bondades mais poucos cumprían cos seus compromisos.

O bon dos acordos de París foi precisamente iso, que houbo acordo: por fin os principais contaminadores recoñeceron que a mudanza climática é un problema e que teñen a responsabilidade de afrontalo. Que os acordos sexan voluntarios; que non se establezan obxectivos vinculantes de redución de gases nen de orzamentos por país; que se fale de “compensar” as emisións en lugar de reducilas; que se siga apostando polo mercadeo do carbono; que non se consideren as emisións do transporte marítimo e aéreo, nen o “fracking”… amosa pouca vontade real por facer algo efectivo. Os acordos de París son pois unha oportunidade perdida nunha loita na que a estas alturas, agardabamos algo máis que o recoñecemento case unánime dun problema, Trump mediante.

Feijóo, novo paladín da loita contra o cambio climático (co permiso de Iberdrola, FCC, Fenosa, Endesa, Ence…)

Chama pois a atención que aqueles que primeiro negaron, logo ignoraron e continuaron traballando a prol do cambio climático, falen agora de que Galiza poida acadar 0 emisións de CO2 en 2050 (Feijóo dixit). E sorprende máis aínda que o Presidente da Xunta defina a mudanza climática como “un activo de valor incalculable” !?

Dende 1990 até hoxe Galiza fica á cabeza das emisións de GEIs (gases de efeito invernadoiro) por habitante do Estado, sendo tamén das máis altas de Europa. En termos cuantitativos, a industria radicada en Galiza (fundamentalmente térmicas, cun 70% de pegada no rexistro PRTR) é a segunda máis contaminadora de todo o Estado. Porén, dende as administracións tense feito ben pouco por reducir as emisións de GEIs, ben ao contrario: subvenciónase o carbón, dificúltase a socialización das renovábeis (imposto ao Sol), apóstase pola incineración dos residuos, e persístese na promoción das grandes infraestruturas de transporte.

Semella que para estes políiticos recén convertidos ao activismo climático, a responsabilidade na loita contra este fenómeno recaía só na cidadanía. Porque se botamos contas da súa xestión, atopamos que tras as boas intencións e a propaganda, até hoxe non fixeron máis que promover actuacións inrtensamente carbónicas.
Feijóo anunciou a elaboración dun Plano de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 (herdeiro do presentado por Touriño en 2008) que nunca víu a luz. Neste documento, non había compromisos de redución efectiva de gases contaminantes con respeito á situación de partida. E do resto das actuacións, de tan transversais que eran apenas resultaron tanxenciais ao problema, vale dicir ineficaces.

No entanto, Feijóo adicouse con fruición a desenvolver unha política de infraestruturas de transporte (Plano MOVE) intensiva en carbono, baixo a divisa de “ningún galego a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade”. Continuou a promover a incineración dos residuos co modelo SOGAMA que tentou alongar con outra planta no Irixo. Paralisou o desenvolvemento das renovábeis durante anos anulando o anterior concurso eólico e provocando inxentes perdas de cartos públicos e emprego. Desenvolveu políticas de desprotección ambiental que maltrataron os hábitats máis sensíbeis e estratéxicos para amortecer os efectos da mudanza climática (costas, zonas húmidas, bosques naturais…)

Nunca é tarde: dende ADEGA damos á benvida á Xunta e ao seu presidente á realidade da loita contra a mudanza climática, na que científicos, ONGs e cidadanía levamos preto de 20 anos. Agardamos que este tardío entusiasmo de converso traia da man algo máis que demagoxia e powerpoints de auto-axuda, como aconteceu na recente presentación da Estratexia galega de cambio climático e transición enerxética 2050. Se non, ficará outra volta en compromisos baleiros e bágoas de crocodilo, e iso Sr, Feijóo, xa non nolo podemos permitir.

Na loita contra o cambio climático é preciso “Combinar a urxencia coa progresividade, fuxindo do ecoloxismo ilustrado” (Feijóo dixit). Abandonar as receitas do “primo de Rajoy” vai supoñer un importante repto para quen nunca aplicou políticas climáticas, nen ecoloxistas, nen ilustradas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s