ADENCO acaba de recibir a comunicación Xunta de Galicia pola que se desestima o recurso de alzada que interpuxo no seu día o Concello de Ponteareas contra a resolución da Consellaría de Cultura, concretamente da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se sancionaba ao Concello ao pago de 6000,00€ pola destrución de parte dun parapeto do Castro da Croa, en Ribadetea, e confirma a obriga de restituír as cousas á súa situación anterior, dando un prazo de tres meses ao Concello para presentar un proxecto de legalización.
Certamente, xa transcorreron case catro anos desde a denuncia inicial tras a destrución, dentro da área de protección integral, de parte do ben patrimonial catalogado. A acción do Grupo Ecoloxista motivou a imposición dunha sanción de 6.000 euros ao Concello de Ponteareas. A infracción administrativa veu motivada pola realización dun corte do foxo do castro pola parte norte do xacemento debido á construción da senda fluvial, sen contar coa previa e preceptiva autorización da Dirección Xeral. A resolución feita por Patrimonio notificoulle tamén ao Concello ponteareán a obriga de restituír as cousas ao seu estado.
Sen embargo, esta sanción foi recorrida, sen fundamento, como resolve a Xunta, sen outra motivación que retrasar o inevitable: o pago da multa e a restitución da legalidade. Agora, como indica a Xunta, o Concello ten tres meses para presentar un proxecto de legalización do lugar, o que non pasa por outra situación que inutilizar o paseo fluvial no lugar.
Recordarmos, tamén, que a propia Valedora abrira no seu momento un expediente pola destrución do Castro da Croa que axudou a axilizar o proceso sancionador. Naquel momento a Valedora xa tiña indicado que era de lamentar o longo período de tempo que tiña transcorrido desde a nosa denuncia e a inaceptable desidia de determinadas administracións cara a protección do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
A importancia do ben patrimonial Castro da Croa
Cómpre lembrar que o Castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na parroquia de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e fosos cos que conta o que o converten nun elemento singular e único que debe ser conservado e protexido e que mesmo pode servir para dinamizar socioeconomicamente a contorna.
Ademais, ubícase á beira do Tea, un espazo protexido e incluído na Rede Natura 2000, que tamén servía como defensa do complexo arqueolóxico.
ADENCO continuará divulgando e defendendo o patrimonio da Comarca do Condado e denunciando todas as consecuencias negativas derivadas das sendas fluviais realizadas na beira do Tea e, agora, espera coñecer o proxecto para recuperar o espazo e as medidas que o actual goberno adopte para cumprir coa resolución da Xunta de Galicia.