A Xunta de Galicia e o proceso de “regulación” do emisario de ENCE

Recoñecía a Xunta de Galicia en comisión parlamentaria e por boca dun representante de Augas de Galicia, que o emisario que están a utilizar ENCE e os Concellos da Ría que mandan os seus vertidos á depuradora de Os Praceres, non ten o preceptivo permiso de concesión en dominio público, algo que -por outra banda- quedou probado xudicialmente hai xa algún tempo. É dicir, recoñécese desde a Xunta de Galicia que o emisario é ilegal!

Ao tempo, engaden que “a situación está en proceso de resolverse”, unha afirmación que, lonxe de nos tranquilizar, créanos unha sensación de desacougo só explicábel porque coñecemos comportamentos anteriores da Xunta e o PP; porque sabemos como ten “resolto” o PP outras situacións semellantes; porque sabemos que cando se trata de situacións que teñen que ver con algunha das empresas que conforman o complexo industrial de Lourizán, as solucións pasan pola posta en práctica de decisións pouco democráticas, que as máis das veces non se axustan á legalidade e que sempre ignoran os intereses xerais ou a defensa do medio ambiente en beneficio dos intereses particulares de ENCE e ELNOSA.

Porque a xustiza deixou claro que o emisario é ilegal pero, ademais, o tempo fixo ver que tiñamos razón os que no seu día criticamos o seu deseño e o punto elixido para a realización do vertido final, nas proximidades da illa de Tambo, pois non ía solucionar os problemas de contaminación na parte interior da Ría (sinaladamente no que fai á calidade das augas para o marisqueo e o baño) e ía impedir a aplicación de calquera figura de protección á illa. E a Xunta admite agora esta realidade e fala (no seu último plan de saneamento integral da Ría de Pontevedra) da necesidade de prolongar o emisario augas afora. E insiste en que esta é a mellor solución para o tratamento das augas “domésticas” que saen da depuradora de Os Praceres. Obvia falar dos vertidos de ENCE, que hoxe saen polo emisario xunto cos procedentes dos Concellos da Ría. Quérese dicir que o novo emisario vai ser só para as augas tratadas na depuradora? Vaise deixar que ENCE siga vertendo ao través do vello emisario, a pesares de terse demostrado a súa inutilidade e o prexuízo causado na calidade das augas da Ría? Vai consentir a Xunta de Galicia que ENCE siga a verter toneladas de materia orgánica e cantidades anormalmente altas de coliformes nunha zona que foi declarada pola Unión Europea como zona sensíbel e que ten no marisqueo a súa vocación natural? Nisto consiste o proceso de “regulación e resolución” que promete agora a Xunta de Galicia? Agardemos que non, pero, en calquera caso… tempo ao tempo!

Na APDR esiximos a eliminación do actual emisario, o tratamento previo e o cumprimento da lexislación de todas as augas de orixe urbano e industrial que se vertan á Ría, e o seu vertido nunha zona que non afecte á calidade das augas de cultivo e baño. Agardemos tamén que os sectores máis prexudicados por unha decisión como esta, a xente que ten na pesca e nos cultivos mariños o seu medio de vida, fagan oír a súa voz neste mesmo sentido. Segue en xogo o pan dos seus fillos!

Pontevedra, 30 de xullo de 2017

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s