A Confederación Hidrográfica multa ao concello de Ponteareas polas obras de restauración da senda do Tea

O Grupo Ecoloxista ADENCO ten recibido esta semana notificación da sanción imposta aos Concello de Ponteareas polas obras de restauración da senda do río Tea. Estas actuacións, denunciadas por ADENCO en decembro de 2016, foron realizadas, segundo consta na Resolución, sen autorización administrativa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A presente sanción ao Concello de Ponteareas, que ascende a 1.400 euros, prodúcese por apertura de camiño xunto ao Castro da Croa sen autorización da Confederación. Na mesma Resolución establécese a obriga de restituír as cousas ao seu primitivo estado no prazo máximo de 15 días. A Confederación considera que nesta sanción existe ademais unha circunstancia agravante, concretamente a reiteración da conducta infractora por parte do Concello de Ponteareas.

Cómpre lembrar que tamén existe outro expediente sancionador aberto ao concello de Ponteareas derivado das obras de restauración da senda do Tea. Concretamente por ocupación sen autorización do cauce do Tea mediante dúas escolleiras en dominio público hidraúlico, causando danos, así e como por realización de obras sen autorización.

Desde ADENCO considérase que este é o enésimo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. Certamente, desde a creación das sendas tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo protexido inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese. E agora as multas xa veñen derivadas das actuacións de restauración das sendas. ADENCO lembra que os impactos van continuar, xa que a senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.

ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental e cultural existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e volta a esixir responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s