As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegan este ano a súa vixésimo oitava edición, realizándose de maneira ininterrumpida desde a constitución do colectivo en 1990. As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables.
O Grupo Ecoloxista Adenco desenvolverá a próxima fin de semana, no Concello de Mondariz Balneario, epicentro histórico no mundo da micoloxía no sur de Galicia, varias actividades Así, as persoas interesadas, poderán participar nun roteiro micolóxico guiado polos montes do concello, un obradoiro práctico de identificación de cogomelos e ver e aprender cunha exposición de cogomelos, debidamente identificados.
“Intentamos introducir novas temáticas nas actividades, sen esquecer o pasado, adicándolle este ano tempo aos cogumelos galegos en xeral e ao relacionado cos cogumelos en Mondariz, como levamos facendo desde hai case tres décadas” indicou Anxo F. Saborido, Presidente de Adenco.
ACTIVIDADES MICOLÓXICAS EN MONDARIZ BALNEARIO
Como sempre, a última fin de semana de outubro é o punto de comezo das actividades. E como sempre é o Concello de Mondariz Balneario onde comezamos.
O sábado, ás 10:30h, desde o Concello, sairemos ao monte a recoller diferentes especies. Esta é unha actividade libre e gratuíta, sen necesidade de apuntarse con anterioridade.
Pola tarde, ás 19:30h, na Biblioteca do Concello, procederase a clasificalas, nun obradoiro de identificación de cogomelos que precisará de inscrición previa e terá número de asistentes limitado. O obradoiro estará dirixido por Puri Lorenzo, micóloga e bióloga da Universidade de Vigo. Para participar é preciso apuntarse, remitindo un correo electrónico ao enderezo adencotea@yahoo.es.
O domingo pola mañá, entre as 11h e as 14h, exporanse as diferentes especies recollidas nos montes da Comarca nos soportais do Concello.