O Grupo Ecoloxista ADENCO ten presentado por rexistro nos concellos da Comarca do Condado escritos nos que se lle solicita aos Plenos municipais a súa implicación na loita contra a eucaliptización existente na Comarca mediante a declaración de Concellos Libres de Eucaliptos. ADENCO solicita tamén que cada un dos concellos de O Condado desenvolva de xeito urxente un programa de actuacións de promoción dos aproveitamentos sustentábeis dos montes do termo municipal baixo a premisa de multifuncionalidade.
Acontecementos terribles como os de fai uns días onde arderon miles de héctareas de áreas de monte na Comarca afectando mesmo a vivendas e outros bens materiais e a sucesión periódica de lumes forestais que experimenta a Comarca están a impulsar a concienciación cidadá e a procura de novos modelos de xestión do monte onde o eucalipto require ser limitado tal e como xa teñen aprobado outros concellos galegos.
Desde ADENCO considérase que é preciso dar un xiro de 180 grados nas políticas forestais e faise un chamamento aos gobernos municipais para avanzar no impulso dun cambio de modelo de xestión do monte. Nese senso, resulta fundamental avanzar na multifuncionalidade do monte, mediante a formación dos propietarios forestais, tanto privados como comunitarios, e apostar firmemente polas frondosas, a diversificación de cultivos, a introdución de gando no monte e a posta en marcha de novos aproveitamentos sustentables como os micolóxicos, os apícolas, os vinculados cos froitos do bosque, os agroturísticos e educativos, etc.
O Grupo Ecoloxista ten trasladado nos últimos anos aos gobernos municipais da Comarca un conxunto de propostas con iniciativas concretas para avanzar na sustentabilidade e na multifuncionalidade dos montes do Condado sen atopar ate o momento resposta por parte dos Gobernos locais.