Perante a seca as medidas de aforro e eficiencia deberían antepoñerse aos transvases e captacións

ADEGA demanda tanto da Xunta de Galiza como das administracións locais medidas que fomenten unha cultura da auga aforradora e eficiente, priorizando o combate ao desbaldimento ás novas captacións. Estas medidas deben complementarse cunha aposta decidida pola educación ambiental para mudarmos progresivamente o actual paradigma consumista, tendo en conta a cada vez máis escasa dispoñibilidade do recurso no marco de cambio climático.

A auga é un recurso limitado e esencial para a conservación da biodiversidade, dos ecosistemas naturais, das paisaxes e do equilibrio ecolóxico. Compre rematar co seu desbaldimento e xestionala como o que é: un ben escaso sen o que non poden vivir nen os seres humanos nen a natureza.

No actual marco de cambio climático, as medidas urxentes de loita contra a seca poden solucionar puntualmente a emerxencia, mais non o problema de fondo. Debemos actuar con visión de futuro por unha Nova Cultura da Auga, algo que no noso país aínda non ten calado na cidadanía nen por suposto na clase política.

Agora diante desta situación de seca, ADEGA demanda da Xunta de Galiza e administracións locais algo máis que medidas urxentes e parcheos en forma de transvases e novas captacións. Estas medidas son só unha fuxida cara adiante que poden servir para aliviar temporalmente o problema, á espera da choiva. Compren xa que logo medidas estruturais que garantan unha xestión sustentábel da auga. Programas a medio-longo prazo que permitan reducir o actual abuso no consumo da auga e diminuir a contaminación, especialmente a derivada dos usos humanos.

Principios básicos para unha xestión máis racional da auga

 

CORRESPONSABILIDADE NA XESTIÓN:
Tendo en conta o principio de corresponsabilidade compartida, -todos os axentes que forman parte do problema deben participar na solución-, as administracións públicas non poden renunciar a xestionar este ben limitado, con estritos criterios de eficiencia e interese público. A Xunta debería sancionar con multas exemplares o desbaldimento, suprimindo privilexios empresariais con especial fincapé aos grandes consumidores, como é o caso de ENCE. Dende os concellos, pódense promover ordenanzas que obriguen tanto á veciñanza como ás e empresas a unha xestión responsábel tanto no consumo como na depuración de augas.

XERALIZACIÓN DAS TECNOLOXÍAS E PRÁCTICAS AFORRADORAS:
Sen agardar ás épocas de seca, administracións, empresas e usuarios/as deberían adoptar prácticas eficientes e instalar obrigatoriamente tecnoloxías aforradoras. Os concellos, por exemplo, non deberían dar licenzas de novas construccións ou actividades que non apliquen méodos e tecnoloxías eficientes.

Sistemas para reutilizar a auga da choiva ou incluso as augas grises; evitar o uso de auga potábel para baldeo ou rega, mudando o modelo de xardinería actual de herba verde todo o ano por outro con especies autóctonas de baixa demanda hídrica; instalar aparellos economizadores nos fogares e electrodomésticos eficientes, promovendo o seu correcto uso; así como unha política tarifaria progresiva que penalice o desbaldimento e suprima as bonificacións aos grandes consumidores.

AFORRO E A EFICIENCIA ANTES QUE TRASNVASES E CAPTACIÓNS:
Antes de adoptar medidas de novas captacións, transvases e encoros, como nos casos da Coruña, Vigo ou Compostela débese coñecer o potencial de aforro especificado por sectores (doméstico, industrial, servizos, administración pública, etc.) e adoptar como primeiro paso todas aquelas medidas económica e socialmente viábeis antes apontadas. Como pode pensarse en reducir o caudal ecolóxico dun río, bombear dende unha balsa mineira ou drenar o Verduxo cando non se ten feito nada por reducir as perdas da rede de subministro que como o caso de Vigo poden chegar ao 40%?

EDUCACIÓN AMBIENTAL: CARA UNS FOGARES MÁIS VERDES
Para mudarmos o actual paradigma consumista e irresponsábel e camiñarmos cara unha nova cultura da auga, resulta imprescindíbel apostar pola Educación Ambiental a todos os níveis e non só no contexto escolar. Sen campañas ambiciosas e continuadas no tempo é imposíbel garantir o éxito de calquera medida de xestión. Informar a cidadanía, facela partícipe dos problemas e do traballo a desenvolver para resolvelos, así como reforzar positivamente os logros acadados é algo que debe levarse a cabo paralelamente á aplicación das medidas de xestión.

ADEGA desenvolveu dende 2008 o programa de Fogares Verdes que abrangueu 130 familias dos concellos de Compostela, Ames, Muros, Lalín e O Carballiño. Fogares verdes é un programa de educación ambiental que ten como finalidade a promoción do aforro de auga e enerxía na vida cotiá. Deseñouse como un programa de educación e participación social para incorporar accións sinxelas e mudar hábitos para reducir o consumo de recursos no fogar. Os fogares participantes conseguiron reducir o seu consumo de auga unha media do 10% e o de electicidade un 6%. E o máis importante: a mudanza de hábitos acadada polos participantes foi permanente rendibilizando o investimento dos concellos e millorando as economías domésticas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s