No corazón unha árbore: amadriña bosque autóctono

Verdegaia vén de dar o seu apoio á Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e á Sociedade Coluna Sanfins para un proxecto de micromecenado (“crowdfunding”) que ten por obxectivo restaurar 10 hectares de monte dominadas por eucalipto recuperando as masas de frondosas autóctonas.

O proxecto chámase “No corazón unha árbore” e está dispoñible na plataforma Kukumiku: https://www.kukumiku.com/proyectos/amadrina-bosque-autoctono/

Presentación

En 2017 o Programa das Nacións Unidas do Ambiente recoñeceu o monte de Froxán incluíndoo no Rexistro de Áreas Conservadas por Comunidades Locais e Pobos Indíxenas (ICCA), sendo o primeiro da península ibérica e terceiro da Europa ao que se lle atribúe este estatuto singular. Detrás deste recoñecemento está o empeño colectivo da Comunidade Veciñal de restaurar as zonas degradadas por sucesivos incendios (o máis recente en 2016) hoxe dominadas por eucalipto, unha especie exótica, invasora e pirófita. Os esforzos enfocáronse en reintroducir e consolidar frondosas autóctonas que protexan o bosque nativo e as súas funcións ecosistémicas (aire e auga limpos, captura de carbono, paisaxe, prevención de incendios, etc.) para as próximas xeracións e toda a sociedade. E, agora, ti tamén podes contribuír a completar esta tarefa amadriñando un anaquiño de bosque.

Con esta campaña financiarase a restauración de 10 hectáreas de monte en Froxán, actualmente degradadas pola presenza de eucalipto e outras especies invasoras pirófitas que serán substituídas por frondosas autóctonas como o carballo (Quercus robus), cerquiño (Quercus pyrenaica), sobreira (Quercus suber), acivro (Ilex aquifolium), amieiro (Alnus glutinosa), bidueiro (Betula alba), freixo (Fraxinus excelsior), etc. As plantacións serán realizadas por persoas voluntarias en accións ambientais e educativas que se levarán a cabo en 2018 e 2019, e ás que te convidaremos sempre. Boa parte destas accións enmárcanse no programa Montescola, que busca familiarizar as novas xeracións coa importancia da conservación da biodiversidade. A restauración implica, ademais, traballos de roza previos e labores de mantemento durante varios anos ata lograr consolidar o novo bosque e evitar os rebrotes de eucalipto.

Amadriña un bosque

Na Galiza usamos aínda unidades tradicionais de superficie como as cuncas, ferrados e fanegas, cuxa equivalencia en metros cadrados varía de comarca a comarca. En Froxán, un ferrado equivale a 420 metros cadrados. Coa túa achega estarás amadriñando un anaquiño de bosque, desde unha única árbore ata unha fanega completa. A túa contribución sufragará a adquisición da planta forestal e os traballos de roza e mantemento durante a próxima década para crear un gran bosque que axude a previr incendios e preste importantes servizos ecosistémicos ao conxunto da sociedade. Escollas a opción que escollas, saberás onde está o teu cachiño de bosque a través dun mapa online que actualizaremos segundo avance o proxecto. Así, cando queiras visitar a túa árbore, cunca, ferrado ou fanega, poderás localizalos facilmente e tamén seguir desde a casa ao longo dos anos a evolución e consolidación do teu bosque mediante as actualizacións da fotografía satélite.

As plantacións de novas árbores serán realizadas a un marco aproximado de 3 x 2,5 metros, aínda que este poderá variar puntualmente en función da orografía, presenza previa de árbores autóctonas ou requirimentos dalgunhas especies. Amadriñando unha cunca de monte farás posíbel que plantemos e coidemos 5 novas árbores; amadriñando tres cuncas, 14 árbores; en medio ferrado plantaranse 28 novas árbores autóctonas; un ferrado acollerá 56 árbores; media fanega 140; e nunha fanega collerán 280 árbores. Todo un bosque! A táboa seguinte detalla as distintas modalidades de amadriñamento (seguindo as medidas de superficie tradicionais), a superficie equivalente en metros cadrados, o número aproximado de árbores que collen en cada un dos espazos amadriñados e a contribución que che pedimos para cada unha delas:


Modalidade     m2     Árbores     Contribución
1 pé                –           1                  5€
1 cunca          35          5                20€
3 cuncas       105        14                50€
½ ferrado       210       28               100€
1 ferrado        420       56               200€
½ fanega      1050     140               500€
1 fanega       2100     280             1000€


Obxectivos

Este proxecto participativo ten como obxectivo a restauración de ata 10 hectáreas de monte en Froxán, nas que se poderán plantar máis de 13.000 árbores autóctonas. A intervención mínima inicial que nos propoñemos é de 1 hectárea, na que se plantarán 1.300 árbores e para a que necesitamos reunir 5.000 euros. Para o proxecto completo necesitaremos 50.000 euros, mais iremos realizando as intervencións de forma gradual segundo se alcancen os fondos necesarios para levalas a cabo. Debemos traballar coa natureza, plantando durante a fase de parada vexetativa (habitualmente novembro-marzo), e realizando traballos de roza e preparación do terreo durante o resto do ano.

O teu bosque

A recompensa polo teu apoio gozarémola todas, pois as túas árbores capturarán carbono, contribuirán á regulación hídrica, preservarán a biodiversidade e serán parte dunha paisaxe única. Mais, sobre todo, farán que este bosque tamén sexa o teu bosque, e por iso pasarás a formar parte da “Comunidade de Conservación de Froxán”, a través da que manteremos a todas as copartícipes informadas sobre a evolución do bosque e de todas as actividades e proxectos que se realicen por volta del, incluídas as “rogas” (traballos colectivos de mellora ambiental) que se programen e ás que te convidaremos sempre (se nos dás o teu contacto). Como símbolo desa pertenzia entregarémoste (na túa primeira visita) unha insignia da Comunidade de Conservación co seu lema “Levo no coração uma árvore”. Ademais, colocaremos unha pedra rotulada co teu nome (ou o de quen ti queiras: persoa, entidade, mascota) ao pé dunha das árbores do espazo amadrñnado por ti. Poderás ver a túa pedra e seguir a evolución do proxecto a través do mapa web.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s