O Grupo Ecoloxista ADENCO acaba de ter coñecemento do proxecto de restauración da senda do Tea en Mondariz. ADENCO considera que as obras solicitadas polo concello de Mondariz á Confederación Hidrográfica Miño Sil contemplan actuacións irracionais desde os puntos de vista técnico, económico e ambiental. Nese senso, o Colectivo ten comunicado recentemente a diferentes administracións a súa oposición a estas obras de restauración no Tea. Así, por unha banda na restauración da senda contémplase a utilización de cemento, cuestión totalmente incompatible cun espazo inserido dentro da Rede Natura 2000. Ademais preténdese colocar escolleras e voltar a recolocar as pasarelas que foron afectadas gravemente polas enchentes do ano pasado.
Evidentemente, tal e como xa aconteceu o ano pasado, calquera actuación en áreas de inundación será danada coas subidas de nivel do río Tea. A recolocación das pasarelas e outras actuacións previstas nas beiras do curso fluvial suporá un malgasto evidente de recursos económicos municipais co agravante de que xa se ten abundante coñecemento de que as actuacións da senda do Tea teñen implicado diferentes sancións económicas, importantes afeccións ao curso fluvial pola achega de xabre e outros materiais ao río e un gran malgasto de cartos públicos.
Desde ADENCO considérase que este sería o enésimo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. Certamente, desde a creación da senda tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese e esta situación vai continuar. A senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e esixirá responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.