A Valedora do Pobo, tras solicitude do Grupo Ecoloxista ADENCO, ten iniciado esta semana actuacións ante o Concello de Ponteareas e a Consellería de Medio Ambiente. En concreto ten requerido ás dúas administracións que nun prazo de 15 días faciliten a información sobre os aterramentos con terras contaminadas por lindano en Ponteareas solicitada por ADENCO.
Esta actuacións da Valedora prodúcense despois da confirmación por parte do concello de Ponteareas da existencia de aterramentos con terras contaminadas por lindano na parroquia de Xinzo. Os feitos se terían producido no mes de setembro, polo que durante máis catro meses a falta de información e a inacción das administracións ten motivado a queixa de ADENCO e a implicación da Valedora.
Certamente, a falta de información das administracións públicas está dando lugar a inquedanza veciñal. Desde ADENCO considérase necesario aclarar a magnitude dos verquidos e as informacións existentes nos medios sobre outros posibles aterramentos con lindano noutras parroquias do Concello. Tamén se considera preciso, perante as posibles responsabilidades que puidesen existir, coñecer se existiu algún permiso ou control nos aterramentos con lindano e cales foron as persoas e entidades implicadas nos mesmos.
ADENCO solicita transparencia e a descontaminación das áreas afectadas polo lindano
O recoñecemento, despois de varios meses, de que os aterramentos con lindano se teñen realizado abre outra situación nova, na que resulta preciso a descontaminación efectiva das áreas afectadas e a realización de actuacións que garantan a salubridade da poboación local. Nese senso, o Grupo Ecoloxista agarda que Concello e a Xunta asuman as súas responsabilidades e tomen todas as medidas necesarias para solucionar este grave problema ambiental.