Esta semana o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) presentou suxestións ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas para solicitar unha maior protección da fauna, da flora e dos fondos mariños, sobre todo das illas arousáns de Sálvora e Cortegada
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) declarouse no ano 2002, protexendo os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e as súas augas circundantes. Dende aquela se leva agardando a que a Administración xestora presentara o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) e que legalmente debería terse aprobado no prazo máximo de 3 anos dende a súa declaración. No 2011 presentouse un documento que foi retirado por non ter chegado a acordos co sector pesqueiro. En marzo deste ano a Dirección Xeral de Patrimonio Natural publicou para exposición pública a versión número 24 do PRUX. Este documento é importante xa que plantexa normas e propostas específicas a cumprir nas diferentes zonas do Parque (zonificación que se propón tamén neste documento), nas que segundo o seu interese para a conservación se estimen oportunas permitir ou prohibir certas actividades e fomentar diferentes políticas de conservación para a salvagarda dos seus valores. O PRUX marca as liñas de actuación da xestión do Parque Nacional ata que teña vixencia dito PRUX (ata 10 anos).
O CES presentou esta semana un extenso documento con suxestións para a mellora do PRUX. A xuizo do CES, para ter agardado por el máis e 15 anos o documento é decepcionante por desactualizado, por pouco técnico e nada ilusionante xa que non propón medidas reais para frear o declive ambiental que en moitos aspectos está a padecer o Parque Nacional: a caída das poboacións de Gaivota patiamarela, de Corvo mariño cristado e da Píllara papuda, a masificación turísica, a degradación dos fondos e dos recursos mariños por unha xestión pesqueira alonxada da sostibilidade, etc. No apartado da diagnose do Parque Nacional debería presentarse os seus valores e o seu estado de conservación, sen embargo mostra unha simple enumeración de especies nada técnica e moi incompleta onde por exemplo non aparece referencia á grande riqueza micolóxica que ten Cortegada, con máis de 600 especies de fungos, sendo algunhas delas auténticas rarezas, convertendo a esta illa en todo un referente micolóxico a nivel europeo. Tampouco aparecen mapas de distribución daquelas especies catalogadas como en perigo de extinción no Catálogo Galego de especies ameazadas como é o caso das plantas Linaria arenaria ou Erodium maritimum, presentes en Sálvora. Estas son dúas cousas que exemplifican o diagnóstico tan simple presentado no PRUX.
O CES propón no documento de suxestións presentado á D.X .de Patrimonio Natural varias melloras para as propostas de conservación e para a zonificación das illas expostas no PRUX, entre as que destacan as seguintes referentes a Cortegada e Sálvora:
- No que respecta ao Arquipélago de Cortegada, O CES cree que se debe aumentar o perímetro da zona de reserva proposta dos illotes de Briñas e Malveiras ampliándose para captar a zona de marisma que as rodean, xa que son zonas con grande interese florístico e xoga un importante papel na loita da erosión marítima. Na propia illa de Cortegada non se propón ningunha zona de reserva e o CES considera que se debe planificar unha no interior da illa que protexa os bosques de salgueiros e de loureiros case únicos na costa galega, a riqueza micolóxica digna de ser preservada e unha especie de narciso moi escasa (que so medra no norte da Península Ibérica).
- No que respecta ao arquipélago de Sálvora, o CES considera que se debe escoller e delimitar unha zona de reserva, encadrada dentro da superficie mariña do Parque en Sálvora, que acolla fondo de Maërl e o de Zoostera, no que se prohiba a pesca e marisqueo. Estes dous tipos de fondos teñen características propicias para acoller a posta e cría de varias especies mariñas, polo que nun Parque Nacional se debe velar por estas garderías do mar que logo proverán de recursos pesqueiros á zona. Unha protección realista i eficaz, non a plantexada no PRUX no que se crea fondos como zona de reserva ( prohibición de pesca de fondo) pero non na columna de auga, medida difícil de vixiar e do que non se ten referencias da súa eficacia. O CES considera que este experimento da figura de protección vertical no mar non pode ser o eixo da xestión mariña nun Parque Nacional que se declarou pola súa riqueza mariña. Débese implantar determinadas zonas da superficie mariña do Parque como reservas mariñas en toda a columna de auga, que xa teñen probada a súa eficacia noutros mares en canto a darlle oportunidade ó mar a rexenerarse. De non ser así, o CES considera que se está desaproveitando outra ocasión para a protección do noso mar e para a sostibilidade ambiental y económica da pesca. No que respecta ás medidas de protección propostas na parte terrestre de Sálvora o CES considera que a manada de cabalos (soltados pola administración) e cervos (soltados polo antigo dono da illa) deben ser retirados da illa; son especies alóctonas (igual que os eucaliptos que alí medran e que tamén deben retirarse) e que provocan danos ambientais: ramonean sobre as fráxiles plantas dunares, sobre especies protexidas como a Citisus insularis, o único endemismo que ten o PNMTIAG, e nos brotes dos escasos árbores de ribeira que aínda que intentan medrar non o logran por esta presión exercida polos herbívoros que, dun xeito artificial, se manteñen na illa nunhas condicións naturais que non son as idóneas para a súa saúde: pasto escaso e pouco nutritivo e seca estival que lle provoca enfermidades e a súa morte. Polo seu benestar e polo equilibro ecolóxico da illa, estas manadas deben ser trasladadas da illa lugares máis idóneos.
- Tras ser noticia o PNMTIAG o verán pasado por problemas de masificación nas illas Cíes, o CES considera unha medida errónea o incremento da cota diaria de visitantes que sube a 250 persoas diarias tanton en Salvora como Cortegada, cando nos primeiros anos da súa apertura ao público foi de 125 diarias. Este incremento vai en contra da súa conservación xa que provoca molestias ás aves e outra fauna que alí crían, espallamento de plantas alóctonas e ademais é ben sabido que as aglomeracións de xente provocan unha sensibilidade menor ante o cumprimento da normativa creando problemas de lixo, ruído e pisoteo da flora, así como a imposibilidade de realizar unha visita na que haxa a tranquilidade suficiente como para disfrutar da natureza e dos seus valores, obxectivo que non debe perder de vista un espazo natural protexido e moito menos un Parque Nacional.
Este PRUX adoece de varios males que deben ser corrixidos se non se quere converter o único Parque Nacional galego nun lugar de pesca sen control ambiental e de turismo de masas que non fará máis que desacreditar a súa protección.