O Grupo Ecoloxista ADENCO ten presentado estes días novas denuncias polos verquidos de augas residuais sen depurar desde a depuradora de Ponteareas ata o espazo protexido Río Tea. Estas denuncias súmanse ás perto de tres dúcias xa efectuadas desde o mes de novembro do ano pasado e que teñen motivado a apertura por parte da Confederación de varios expedientes sancionadores ao concello de Ponteareas por estes feitos. Desde o colectivo ecoloxista estase a facer un seguimento dos verquidos da depuradora con visitas case diarias aos puntos de verquido.
A licitación da Confederación para a mellora do saneamento recoñece a case imposibilidade da ampliación da depuradora
O proceso de licitación realizado pola Confederación para a mellora do saneamento do concello de Ponteareas recoñece que as posibilidades de ampliación da depuradora son practicamente inexistentes. É o prego de prescricións técnicas o que sinala esta circunstancia dada a localización da actual depuradora, lindando co dominio público hidráulico. No mesmo documento faise mención a que os caudais que chegan á depuradora con tempo seco son en moitas ocasións desproporcionados e sobrepasan a capacidade da depuradora.
ADENCO considera necesario a solución dos problemas ambientais do río Tea
Desde o colectivo ecoloxista seguiremos denunciando esta situación e, máis alá de sancións económicas, que pagamos todas, seguiremos insistindo na procura de solucións reais e rápidas a todos os problemas cos que conta o río Tea. O espazo protexido, que conta cunha grande riqueza en fauna e flora non pode continuar padecendo as agresións derivadas das actuacións das propias administracións públicas. Nese senso, desde ADENCO continuaremos denunciando calquera actuación agresiva co río Tea e esixindo solucións aos graves problemas existentes no espazo protexido.