O Grupo Ecoloxista ADENCO acaba de recibir notificación da proposta de sanción da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao concello de Ponteareas polos verquidos da depuradora ao espazo protexido río Tea, denunciados no seu momento pola entidade ecoloxista do Condado e que supuxeron a apertura dun expediente sancionador ao concello.
Na resolución, a Confederación constata a realización de verquidos ao cauce do Tea desde a depuradora da Moscadeira superando os valores límite de concentración de verquido e causando danos ao dominico público hidráulico. Por estas actuacións propón unha multa ao concello de Ponteareas de 22.900 euros polos verquidos e de 3.435 euros por danos no dominio público hidráulico, rexeitando todas as alegacións realizadas polo concello.
O Organismo de conca sinala que existen circunstancias agravantes no expediente sancionador, concretamente a reiteración na conduta infractora, xa que o concello de Ponteareas ten sido sancionado por infraccións similares e a afección a un espazo protexido incluído na Rede Natura, a Zona de Especial Conservación Río Tea.
Outra multa máis vinculada coas actuacións municipais no Tea
Esta sanción ao concello de Ponteareas súmase a outras vinculadas co río Tea que se teñen imposto nos últimos anos á entidade municipal. Desde ADENCO lémbrase que as multas, que xa ascenden a ducias de miles de euros, págaas toda a veciñanza e que son froito da mala praxe municipal. A destrución de parte do castro da Croa, as afeccións ao cauce pola senda no Tea ou os constantes verquidos ao río poderían ter sido accións evitadas.
Nese senso, como leva facendo desde fai anos, o Grupo Ecoloxista esixe ás autoridades competentes que se solucionen dunha vez estes vertidos da depuradora ao río Tea e se depuren responsabilidades. Desde o Grupo Ecoloxista agárdase que non se volten repetir feitos como os que motivaron a proposta da sanción por parte da Confederación.