Verdegaia solicita a intervención da Demarcación de Costas no regato de Listres (Ribeira)

Desde hai algún tempo véñense producindo na desembocadura do regato de Listres, situada entre as parroquias de Castiñeiras e Aguiño (ambas pertencentes ao concello de Ribeira) problemas de diversa índole que desde Verdegaia consideramos que precisan dunha intervención urxente.

Este regato, que é estacional (no verán con frecuencia baixa seco) e cunha desembocadura de curso variable, anteriormente desembocaba na praia despois de facer un percorrido de meandros cambiante, adaptándose á estrutura do areal. Así foi ata que desde a Demarcación de Costas decidiron modificar a desembocadura, e forzar a súa saída en liña recta.

Para iso, levouse a cabo na primavera de 2015 unha actuación consistente na construción dunha cerca de madeira de gran altura, que obriga ao citado regato a levar un curso dirixido. Ao mesmo tempo, e a ambos lados da cerca, fíxose acumulación de area ata chegar practicamente á altura da cerca por ambos lados. O resultado é que, en lugar de saír ao mar, a auga do Listres queda con frecuencia estancada na zona alta da praia, freada pola area, e recibindo a auga do mar, en lugar de levar as súas augas a el. Ao pouco de realizarse esa intervención puxémonos en contacto con responsables dese organismo, sen obter unha resposta clara acerca do obxectivo da obra en cuestión. Premendo na foto podedes ver máis imaxes sobre a intervención e as súas consecuencias.

En decembro de 2015 realizouse por parte de Concello e Demarcación de Costas do Estado unha canalización de urxencia para permitir a evacuación da auga que xa desbordara inundando varias fincas da contorna, mesmo estragando a produción hortícola de varios veciños pola presenza de auga salgada. Isto foi causado precisamente pola actuación antes mencionada, unha actuación mal planificada, e que a veciñanza da zona denunciara no seu momento, alertando das súas previsibles consecuencias.

Coa posta en funcionamento, en agosto de 2016, da EDAR de Ribeira, empezou a funcionar tamén o Tanque de Tormentas de Areeiros, cuxo aliviadoiro vai dar ao mencionado regato de Listres.

Tanto o proxecto como a autorización de vertido emitida por Augas de Galicia, contemplan un vertido anual desde ese tanque dunha media de 17.862 metros cúbicos (media que pode verse aumentada en realidade, xa que non se impoñen limitacións de caudal aos aliviadoiros) ao regato de Listres. Este está situado sobre a praia de “Catía-Castro”, que, ademais de ser unha zona de baño habitual, está próxima aos bancos marisqueiros AR-210, AR-211 e AR-198, estando ademais en contacto cos bancos AR-199 e AR-197. Está ademais a poucos metros do importante polígono bateeiro 26-AROUSA “Ribeira B”, que destaca precisamente por ser un dos máis produtivos e de maior calidade de toda a ría de Arousa.

Neste momento, e dada a escaseza de precipitacións nos últimos meses, o regato baixa seco, quedando só unha poza de auga estancada, fedorenta e insalubre, a medio camiño entre a zona de saída do alivio do tanque de tormentas e o tramo final xa na praia. Este atópase, seguramente como efecto das mareas vivas e da ausencia de erosión procedente do curso do río (neste momento inexistente) completamente ateigado de area, estando esta a unha altura moito maior que a do leito seco do regato. Así mesmo, a cerca que no seu día se construíu para forzar o curso do río atópase en moi mal estado, inclinada cara dentro pola forza exercida pola area na súa parte superior.

Esta situación está provocando moito malestar entre a veciñanza da zona.

Pensamos que o problema pode agravarse aínda máis cando na temporada de chuvias se comencen a realizar alivios de augas fecais e pluviais ao regato, procedentes do tanque de tormentas.

Por iso vimos de solicitar que desde o departamento técnico de Demarcación de Costas se envíe unha persoa á zona para valorar a situación in situ xunto coas persoas afectadas, para que despois, da maneira máis urxente posible, se tomen as medidas necesarias para restituír o regato de Listres á súa situación orixinal, e, en todo caso, garantindo que as súas augas vaian dar ao mar e non se produzan estancamentos, cos conseguintes problemas de mal olor e contaminación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s